Francisco Javier Hermida Freijomil, nado en Ferrol o 8 de abril de 1968, é un ex-regatista galego, que competía nas clases Star e Soling.
Foi subcampión do mundo de Soling de 1997 e subcampión europeo de Star en 1993. Participou nos Xogos Olímpicos de 1996, xunto con José Luis Doreste, conseguindo un sétimo posto e o diploma olímpico.
Traxectoria
Nacido en Ferrol, aos 4 anos trasladouse ás Illas Canarias, a onde foi destinado seu pai, mariño de guerra.[1][2] Comezou a practicar vela aos nove anos en Lanzarote e en 1989 disputou o seu primeiro Campionato do Mundo de Star facendo parella co campión olímpico Alejandro Abascal. Anos despois comezou a competir co experimentado José Luis Doreste, cinco veces olímpico e medalla de ouro en Seúl 1988.[1] Foron subcampións europeos en 1993 en Dinamarca e competiron xuntos no Campionato do Mundo de Star entre os anos 1993 e 1996, sendo o seu mellor resultado o sexto posto de 1993.[3] En 1996 participaron nos Xogos Olímpicos de Atlanta, tamén na clase star, rematando no sétimo lugar, obtendo así un diploma olímpico.[4]
En 1997 foi subcampión mundial da clase soling en Copenhague, navegando xunto a Manuel Doreste e José Luis Wood.[5] Ao ano seguinte disputou unha nova edición do Mundial de Star, esta vez xunto a José María van der Ploeg, rematando na sexta praza.
Tras deixar as competicións, converteuse en adestrador, logrando os seus pupilos varios campionatos e subcampionatos de España.[6] En 2014 regresou a Ferrol, onde se puxo á fronte da sección de vela do Club Grupo Bazán.[2]
Palmarés internacional
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas