James Lee Donaldson III, nado en Heacham o 16 de agosto de 1957, é un ex xogador de baloncesto inglés, aínda que criado en California, que xogou durante catorce tempadas na NBA, xogando tamén na HEBA, a LEGA e na Liga ACB. Con 2,18 metros de estatura, xogaba na posición de pivote. Foi en 2009 candidato á alcaldía de Seattle e é xunto a Gary Payton un dos impulsores para a volta á NBA dos Seattle SuperSonics.[1]
Traxectoria
Xogou durante 4 tempadas cos Cougars da Universidade de Washington State, onde conseguiu os récords aínda vixentes de máis tapóns nun partido, con 8 ante Gonzaga en 1978, e máis tapóns nunha carreira, con 178.[2]
Foi elixido na cuarta rolda do Draft da NBA de 1979, no posto total 73, por Seattle SuperSonics, pero vaise a xogar á liga italiana. Ao ano seguinte incorpórase á disciplina dos Sonics, cos que xoga tres tempadas, antes de ser traspasado a San Diego Clippers. Ao ano seguinte é o equipo o que se traslada de cidade, fixando a súa residencia nos Ánxeles, e alí logrou encabezar a lista de mellor porcentaxe de acerto da liga, cun 63,7 %. Na tempada 1985-86 é de novo traspasado, esta vez a Dallas Mavericks, onde xogou seis tempadas, as máis produtivas da súa carreira. En 1991 é traspasado aos New York Knicks, pero é cortado tras catorce partidos. Asina entón con Utah Jazz, pero só disputa seis partidos no equipo no Salt Lake City.
Decide entón regresar a Europa, concretamente ao Iraklis Thessaloniki da liga grega. Ao ano seguinte asina con Philadelphia 76ers como axente libre, pero non chega a debutar, regresando de novo aos Jazz. Ao ano seguinte firma polo Caja San Fernando da Liga ACB, e nas súas dúas últimas tempadas como profesional, roldando xa os 40 anos de idade, xoga no Snai Montecatini italiano, o Breogán de Lugo e de novo no Iraklis BC grego.[3] Tras catorce tempadas na NBA fixo 8,6 puntos e 7,8 rebotes por partido.
Equipos
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas