Padece albinismo ocular e nistagmus[1] e compite na categoría T12 do deporte paralímpico.[2] Iníciase no atletismo en setembro de 2016 na Escola Atlética Lucense.[3] Anteriormente xogaba ao fútbol, no Calasancio e no CF Monforte.
No torneo nacional de inverno da ONCE disputado en Alacant consegue dúas medallas de bronce,[3] en 100 metros lisos e salto de lonxitude. En maio de 2017, Jairo conquista tres medallas no campionato de España de verán da ONCE disputado en Segovia: unha de ouro en salto de altura e dúas pratas, en 100 metros e lonxitude.[3] En xuño do mesmo ano, acaba cuarto en 100 metros e quinto en salto de lonxitude no campionato de España absoluto adaptado.[4]
En febreiro de 2018, proclámase campión de España de promesas paralímpicas na proba de 100 metros lisos e subcampión na de salto de lonxitude en Torrent (Valencia), mellorando as súas marcas nas dúas disciplinas. As medallas válenlle para ser considerado o mellor atleta sub-20 de España.[1] En abril de 2018 foi convocado pola Federación Española de Deportes para Cegos para participar no Meeting Internacional de Marrakech (Marrocos),[2] no que obtivo a medalla de ouro en salto de lonxitude e dúas medallas de prata nas probas de 100 e 200 metros lisos.[5]
No mes de xuño destaca no campionato de España de menores paralímpicos disputado en Segovia, acadando a medalla de prata nos 100 metros lisos, bronce en 200 metros lisos e mellorando a súa mellor marca persoal en salto de lonxitude.[6] No campionato de España absoluto paralímpico disputado en Fuenlabrada (Madrid) conquista dúas medallas de prata, nas probas de salto de lonxitude e de 100 metros lisos.[7]
En marzo de 2019 proclámase campión de España sub-20 de 100 metros lisos e de salto de lonxitude en Collado Villalba (Madrid), cun salto de 5,74 m, acadando a marca mínima para o campionato do mundo júnior.[8] Ademais tamén superou a súa mellor marca persoal, cun salto de 6,06 m, aínda que esa marca só era válida para a competición.[8] No campionato de España sub-20 disputado en Segovia en xuño proclámase campión en salto de lonxitude e bate a súa marca persoal, con 5,97 m. Tamén acada a medalla de prata en 100 metros lisos.[9] O 1 de agosto de 2019 debuta nun Campionato do Mundo en Nottwil (Suíza), no que conquista a medalla de bronce na proba de salto de altura, con 5,75 m.[10] En 100 metros lisos é duodécimo.[11]
En xaneiro de 2020 debuta no campionato galego de xoves promesas en Ourense, no que mellora a súa marca persoal en salto de lonxitude. En 60 metros lisos é noveno e en 200 metros lisos, sétimo.[12]
En marzo de 2021 acadou a súa mellor marca persoal en salto de lonxitude no control de marcas de Gandia, con 6,07 m.[13] En abril do mesmo ano é convocado para o Grand Prix de Jesolo, en Italia, coa selección absoluta. Nese campionato cambia de categoría T-12 a T-13. En salto de lonxitude logrou unha marca de 6,06 m, mentres que nos 100 metros lisos ten 12,35 s.[14]
En xuño de 2021 debuta no campionato de Europa absoluto de atletismo celebrado na cidade de Bydgoszcz, en Polonia. En salto de lonxitude foi sétimo, batendo a súa marca persoal, cun salto de 6,25 m. Nos 100 metros lisos tamén bateu a súa marca con 12,12 s.[15] Uns días despois participou no Campionato de España absoluto en Sevilla, no que logrou dúas medallas de bronce. Nos 100 metros lisos bateu o seu récord persoal, baixando a súa marca a 11,80 s. En lonxitude conseguiu un salto de 6,17 m.[16]
En febreiro de 2018, é considerado o mellor atleta español sub-20.[1]
En maio de 2019 recibe o recoñecemento do Concello de Monforte de Lemos na Gala do Deporte, na que é considerado o mellor deportista masculino absoluto de 2018.[17]