Instituto de Medicina Legal de Galicia

Instituto de Medicina Legal de Galicia
Tipoorganización
Data de fundación2006
SedeSantiago de Compostela
PaísGalicia
Na rede
https://conselleriadepresidencia.xunta.gal/xustiza/imelga
editar datos en Wikidata ]

O Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) é un órgano da Administración de Xustiza en Galicia, que ten por misión prestarlles asistencia técnica aos tribunais, fiscalías e xulgados en materia de medicina forense. Esta organización, integrada polos médicos forenses e persoal técnico e auxiliar, ten a súa sede en Santiago de Compostela e centros de traballo situados, ademais de nesta cidade, na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

O IMELGA foi creado polo Decreto 119/2005, do 6 de maio, da Xunta de Galicia[1]e, en virtude de Orde do 23 de marzo de 2006, entrou en funcionamento.

Nas súas funcións técnicas o Instituto actúa con carácter independente e sometido unicamente ás regras de investigación científica.

Funcións

A investigación medicolegal en todos os casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade é a función máis coñecida dos médicos forenses, malia que tamén é recoñecida a súa intervención no control periódico da evolución dos lesionados e a valoración dos danos corporais que sexan obxecto de actuacións procesuais, así como a asistencia e vixilancia facultativa das persoas detidas.

Ademais desta vertente máis salientada, as súas funcións comprenden o estudo e a emisión dos informes que lle sexan requiridos polas autoridades xudiciais e fiscais en todos os aspectos medicolegais. Tamén constitúe o seu labor a emisión de informes previstos na normativa sobre o Rexistro Civil (sobre a idade ou sobre o sexo das persoas implicadas en expedientes gobernativos, sobre a causa da morte etc.).

No seo do IMELGA estas actividades organizaranse a través do Servizo de Patoloxía Forense (medicina forense de mortos) e do Servizo de Clínica Médico-forense (medicina forense de vivos).

Alén disto e dentro dunha concepción ampla da saúde, a intervención de psicólogos no Servizo de Clínica garante o estudo, avaliación e informe dos aspectos da súa disciplina profesional.

Por último, cómpre destacar que tamén se encadra na misión deste centro a formación e especialización dos médicos forenses e do persoal técnico do Instituto.

O persoal médico forense

O persoal médico forense consta de funcionarios que constitúen un corpo nacional de tituladas e titulados superiores ao servizo da Administración de xustiza. Para o acceso a este corpo esíxese estar en posesión da licenciatura en medicina.

O persoal médico forense destinado no Instituto de Medicina Legal de Galicia depende do director do Instituto e no curso das actuacións procesuais están ás ordes das autoridades xudiciais e fiscais, pero emiten os seus ditames médicos con plena independencia e baixo criterios estritamente científicos.

Organización territorial

Antiga sede da Subdirección territorial de Vigo.

O Instituto estrutúrase en sete subdireccións territoriais, cada unha delas coas súas respectivas áreas de patoloxía forense e de clínica medicolegal.

O ámbito territorial das subdireccións é o seguinte:

  • Subdirección territorial da Coruña, cuxo ámbito de actuación comprende os partidos xudiciais da Coruña, Betanzos, Carballo e Corcubión.
  • Subdirección territorial do Ferrol, que comprende os partidos xudiciais de Ferrol e Ortigueira.
  • Subdirección territorial de Santiago de Compostela, para os partidos xudiciais de Arzúa, A Estrada, Lalín, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Padrón, Ribeira e Santiago de Compostela.
  • Subdirección territorial de Lugo, con ámbito de actuación en toda a provincia.
  • Subdirección territorial de Ourense, tamén con ámbito provincial.
  • Subdirección territorial de Pontevedra, cuxo ámbito de actuación son os partidos xudiciais de Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Marín, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
  • Subdirección territorial de Vigo , que comprende os partidos xudiciais de Ponteareas, Redondela, O Porriño e Tui.

Para acadar a necesaria uniformidade e coordinación o Instituto de Medicina Legal de Galicia está dotado dun órgano central, a Dirección.

A esta corresponderalle realizar os labores de organización, planificación e control do funcionamento dos sete centros de traballo.

Este órgano sitúase en Santiago de Compostela, cidade na que a institución ten a súa sede oficial.

Compoñen a Dirección o director, quen, ademais das súas funcións directivas e de representación, asume a xestión operativa da subdirección no centro de Compostela, e o Consello de Dirección (integrado polo director, os subdirectores territoriais, os xefes de servizo, e representantes do persoal), ao que lle corresponde aprobar as directrices técnicas e os protocolos xerais de actuación dos servizos.

Ocupa o cargo de director o Dr. Benito López de Abajo.[2]

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas