Indira Bajramović é unha activista xitana que vive en Bosnia e Hercegovina e é directora da Association of Roma Women from Tuzla. Traballou para proporcionar axuda e socorro ás aldeas rurais romanís, e tamén abogou pola igualdade de oportunidades para as persoas romanís en Bosnia e Hercegovina durante as últimas dúas décadas. Especificamente, Bajramović centrouse en chamar a atención sobre as dificultades ás que se enfrontan as mulleres romanís desempregadas e as vítimas de abuso ou violencia doméstica.[1]
Traxectoria
A asociación de Bajramović céntrase en proporcionar alimentos e produtos de hixiene, así como material escolar para os nenos pequenos das comunidades romanís. Ademais, a asociación traballa para proporcionar exames médicos privados para mulleres empobrecidas, especificamente para detectar o cancro de mama.[2]
Durante a pandemia de COVID-19 no verán de 2020, Bajramović e a súa fundación asociáronse coa Bosnia and Herzegovina Women's Roma Network, a Fundación Comunitaria Tuzla, e o Foro de Solidariedade Internacional Emmaus para proporcionar axuda e subministracións alimentarias ás comunidades romanís locais ao redor de Kiseljak. Axudou a coordinar a distribución de varios centos de comidas ó día por parte de voluntarios, así como varios proxectos de construción, incluíndo un campo de fútbol e a reconstrución dunha canle avariada.[1]
Alén de proporcionar axuda ás comunidades romanís durante a pandemia, Bajramović tamén documentou as desvantaxes presentes nas áreas rurais que se viron agravadas pola pandemia. Sinalou a menor proporción de estudantes das comunidades romanís que participan en clases en liña, o aumento das taxas de violencia doméstica, e a discriminación na atención médica. Destacou especificamente a falta de dispoñibilidade de probas da COVID-19 nestas comunidades rurais.[3]
Notas