Orixinalmente denominouse igrexa de Santo Hipólito e posteriormente pasou a coñecerse como igrexa de San Bertomeu, a partir de mediados do século XIII, para conmemorar o nome do santo patrón do seu fundador, Bartholomeus van der Made.
Historia
Idade Media
Habitualmente dáse o ano 1246 como o de nacemento da igrexa, aínda que a súa historia é máis antiga. Algúns séculos antes de que o conde Guillerme II lle concedese a Delft os dereitos de cidade, os habitantes do núcleo rural xa asistían á misa no mesmo lugar. Asúmese xeralmente que arredor do ano 1050 existía alí unha igrexa de madeira.[2]
Bartholomeus van der Made emprendeu a mediados do século XIII a primeira reforma e a ampliación da igrexa parroquial, de xeito que á igrexa orixinal se lle engadiron dúas naves de cruceiro. Nos anos seguintes houbo catro novas fases da reconstrución. Durante unha delas (1325-1350) engadíuselle a torre gótica e ergueuse a agulla de ladrillo e as catro torres angulares.
A súa torre, que se pode divisar desde case toda a cidade, ten unha altura de 75 metros e unha inclinación de arredor de dous metros, e alberga a segunda campá máis pesada dos Países Baixos, con 9 toneladas.
Idade Moderna
Na primeira metade do século XV renovouse completamente a nave central e a igrexa adoptou a aparencia e as características dunha basílica, xa que a nave central se elevou sobre as laterais. E á súa vez, as naves laterais prolongáronse ata a parte dianteira da torre. No transcurso do século XV ampliouse o edificio con diversas capelas e portais. O portal da fachada norte, que se transformou nunha capela, e o portal da torre son mostras destas modificacións.
A última renovación radical da igrexa tivo lugar a comezos do século XVI. O plan consistiu en transformar o edificio nunha basílica cruciforme de pedra natural. Para poder realizar este proxecto pediuse a colaboración de Anthonis Keldermans, descendente dunha famosa familia flamenga de arquitectos e escultores. En moitas cidades flamengas, zelandeses e holandeses pódense atopar mostras do gótico de varias xeracións de Keldermans.[3]
↑"Preminent peopleArquivado 11 de outubro de 2017 en Wayback Machine.". Retratos e notas biográficas dos personaxes soterrados na igrexa. En oudeennieuwekerkdelft.nl. (en castelán)