Consérvase pouco do que debeu ser un importante templo románico, a xulgar polos restos, principalmente a fachada occidental, a portada. A igrexa dátase na segunda metade do século XII.
Exterior
Fachada occidental. A fachada románica foi moi modificada na súa parte superior. Divídese en tres rúas, a central moito máis ancha que as laterais, por medio de dúas columnas entregas, das que só se conservan as bases áticas e dezanove tambores que conforman o fuste. Non están situadas simetricamente, a columna meridional está desprazada 10 centímetros, quizais por causa dunha torre moderna levantada ao seu carón. A rúa central divídese en tres corpos por medio de dúas impostas lisas, unha que sae dos ábacos dos capiteis da porta e paralela a esta outra que une os dous fustes das columnas.
A porta é de arco de medio punto decorado con dúas arquivoltas formadas por un toro entre dúas medias canas decoradas con estrelas de seis e sete puntas moi deterioradas. A chambrana tamén moi deteriorada, así como as dovelas coa súa decoración completamente borrada.
As arquivoltas apóianse en parellas de columnas de capiteis e bases entregas e fustes monolíticos e exentos.
O capitel máis exterior da esquerda decórase cun lobo coas patas traseiras lixeiramente levantadas e coa cabeza cara a abaixo atacando unha posible serpente.[2] O capitel que o acompaña presenta decoración vexetal con dous tipos de follas rematadas en espiral a modo de volutas nas puntas. A decoración dos ábacos irrecoñecible polo seu desgaste.
Os capiteis da dereita representan un home agochado cos brazos estendidos e os antebrazos flexionados representando a acción de saltar, nunha esquina unha flor con botón central e sete pétalos. No outro capitel un animal semellante o do capitel do externo da esquerda que devora a un home que coa súa man esquerda tenta agarrar a cabeza da besta tentando fuxir das súas fauces.
As bases son de perfil ático con zoupas, os plintos lisos, agás o do interior da esquerda que se decora cun rectángulo cunha liña no centro.
O tímpano
O tímpano curiosamente apoiase sobre xambas, e non sobre mochetas como adoita ser máis común. O tímpano adórnase con mediacanas paralelas.
Represéntase no seu centro tres curiosos personaxes moi desgastados o que dificulta a percepción dos detalles. O personaxe central é máis alto, vestido con roupas ata os pés e unha especie de capa para a chuvia, levanta a man dereita en actitude de bendicir co dedo maimiño e o anular dobrados ao tempo que sostén na man esquerda sostén un báculo. Semella non ter barba. A súa dereita outro personaxe con vestido ata os pés e mangas longas co brazo dereito dobrado cara ao peito portando na man unha cruz latina. a esquerda da figura central outro personaxe con vestimenta similar á do personaxe da dereita apoia sobre o peito coa man dereita un libro pechado a vez que a súa man esquerda descansa apoiada no corpo lixeiramente flexionada.
E unha obra tecnicamente moi basta ademais da forte erosión que presenta o conxunto impide apreciar máis detalles. Semella representar a un bispo acompañado por dous acólitos que portan os instrumentos necesarios para unha bendición.