Ignacio Javier López-Chaves Castro, nado en Vigo o 5 de xullo de 1964, é un avogado e político galego.
Traxectoria
Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, ten ademais un mestrado en xestión de empresas culturais pola Universidade Aberta de Cataluña. Profesionalmente é docente universitario, e ensina Dereito na Universidade de Vigo. Nesa universidade López-Chaves foi secretario do seu consello social.
Afiliado ao Partido Popular de Galicia, en 2005 sae elixido deputado nas eleccións autonómicas pola provincia de Pontevedra. En 2007 sae tamén elixido concelleiro, postos os dous que repite respectivamente nas autonómicas de 2009 e nas municipais de 2011. Na Cámara galega ocupou o cargo de voceiro de Cultura.
En 2011 renunciou ás súas actas de deputado e de concelleiro e substituíu a Corina Porro á fronte da Autoridade Portuaria de Vigo[1]. No Parlamento de Galicia foi substituído por Fátima Iglesias e no concello vigués por Pablo Beiro. En outubro de 2015 foi nomeado Delegado Territorial en Vigo da Xunta de Galicia trala dimisión de María José Bravo Bosch, motivo polo que abandonou a presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo e foi substituído no posto por Enrique López Veiga[2]. Nas eleccións ao Parlamento de Galicia 2016 foi elixido deputado pola provincia de Pontevedra. Dende xuño de 2019 exerce como presidente da Comisión Galega da Competencia, dentro do organigrama da Vicepresidencia Segunda da Xunta de Galicia.
Notas