Home superfluo (lishni chelovek en ruso) é o nome que se lle dá a un personaxe típico da literatura rusa do século XIX. Trátase dun heroe idealista mais inactivo, que é consciente e sensíbel cara aos problemas morais e sociais, mais que nunca emprende accións, debido en parte á súa debilidade e lasitude e en parte porque vive nunha sociedade que limita as liberdades.
Pushkin foi o primeiro en empregar a palabra lishni neste sentido ao describir ao personaxe de Onegin en Euxenio Onegin (1823-1831). Onegin é, precisamente, o prototipo de home superfluo, seguido de Chatski, que aparece na novela de Griboyedov A desgraza de ter espírito (1825); o máis famoso é, talvez, o Oblomov da novela homónima de Iván Goncharov. Outro exemplo é o Pechorin d' Un heroe do noso tempo de Lérmontov (1840).
O tipo do home superfluo foi perfeccionado por Iván Turgenev: Rudin (Rudin, 1856), Rakitin (Un mes no campo) e o personaxe do conto "O Hamlet do Distrito Shchigrovsky" (en Apuntamentos do álbum dun cazador). Para Turgenev, o "home superfluo", unha mestura traxicómica, de Hamlet e don Quixote, era característico da sociedade rusa decimonónica que pecaba de non poder conciliar os impulsos do corazón e da cabeza e se daba a demasiada introspección, "intelectualización" e indecisión.
Atópanse tamén "homes superfluos" en Tolstoi (o Conde Vronski en Ana Karenina (1875-6) e son frecuentes en Chekhov. As mulleres que se relacionan con estes personaxes son, pola contra, fortes, determinadas e decisivas, como a Tatiana de Euxenio Onegin e a Natalia de Rudin.