Historia de Cidade do Cabo

A historia urbana de Cidade do Cabo (Cape Town) deu comezo o 6 de abril de 1652 cando Jan van Riebeeck, ao servizo da Compañía Holandesa das Indias Orientais, fundou un asentamento no extremo suroeste do continente africano (chamado simplemente Kaabse Vlek ou Vlek aan Caap, o Lugar no Cabo) como base de fornecemento de navíos en tránsito cara ou dende as colonias asiáticas. Foi a primeira fundación europea en Suráfrica, a "cidade nai".

Forte de Boa Esperanza

Planta en 1754.

De seguida, na fronte costeira da baía da Mesa, construíuse un forte de adobe e madeira (Fort de Goede Hoop ("Forte de Boa Esperanza") [1]) e ao seu carón horta e xardíns da Compañía que o separaban das rúas e vivendas dos cidadáns libres. Axiña foi substituído por un en pedra máis ao leste (Castelo de Boa Esperanza, 1666-79 [2]). Dende o comezo a falla de man de obra supliuse con inmigración asiática e importación de escravos aloxados nun reduto de seu (1754, 5.510 europeos e 6.729 escravos).

O soar do primitivo forte demolido vaise converter en Praza de Armas (a Grand Parade [3], centro da cidade moderna). No seu lado occidental desenvólvese en cuadrícula a vila arredor da Gran Praza (1696, despois Greenmarket Square) e polo sur, cara ao interior (a Table Mountain [4]), a área máis representativa coa Praza da Igrexa, os xardíns da Compañía e os residenciais privados.

Panorámica dende o Lion's Head en 1779; ao fondo a Montaña da Mesa.

Colonia británica

O verdadeiro crecemento como cidade tivo lugar no século XIX, xa en poder británico como capital da Colonia do Cabo (Cape Town [5]). A cuadrícula urbana seguiu estendéndose cara ao noroeste arredor dunha nova praza (Hottentotplein, hoxe Praza Riebeeck) [6].

O descubrimento de ouro e diamantes (entre 1867 e 1886) nas remotas rexións do nordeste levou a perda da súa posición de cidade dominante, pero a cambio converteuse no principal porto para o crecente tráfico comercial que provocou a riqueza mineira. Os labores de construción de peiraos e a extensión portuaria no oeste da baía comezaron a transformación da fronte costeira que, con constantes recheos ata a época actual, ten afastado progresivamente o centro histórico do mar [7].

De resultas e xunto coa chegada do ferrocarril (1875, seguindo a costa) produciuse a industrialización da cidade con novas expansións urbanísticas ao nordeste do Castelo e na chaira oriental da baía.

Século XX

En concreto, en 1935 un gran plan de recheos acadou 160 hectáreas de solo portuario para 1945, que tardarían trinta anos máis en encherse [8][9]. Asemade nesa área despois da guerra foron implementados, de diante do centro histórico, un novo centro cívico, comercial e de negocios, áreas de aparcadoiros e unha nova estación ferroviaria [10][11][12][13].

Unha epidemia de peste a comezos do século XX, da que foron culpados os nativos (os antigos escravos emancipados en 1834), desembocara na súa segregación (precedente das leis do apartheid de 1948) a poboados-gueto nos Chairos do Cabo (Cape Flats, ao sueste [14]), fóra da cunca histórica de desenvolvemento da vila. Así deu comezo a expansión metropolitana de Cape Town e tamén a súa separación étnica [15].

Area metropolitana de Cape Town: densidade de poboación.
Linguas dominantes: amarelo, inglés; verde, afrikaans; vermello, xosa.

Notas

  1. Mapa do primitivo asentamento da Cidade do Cabo, 1660: (V) horta da Compañía; (W) xardíns da Compañía; (S) rúas e vivendas [1] Arquivado 24 de setembro de 2012 en Wayback Machine.
  2. Planta da Cidade do Cabo en 1693 co novo forte
  3. Vista da Grand Parade a comezos do XIX: ao fondo o Castelo; á esquerda o porto [2]
  4. Mapa da situación xeográfica do Cabo, 1791: a Cabeza de León (Lion's Head) á dereita; a Table Mountain (a Mesa) arriba [3]
  5. "Mapa de Cape Town, 1827". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 13 de setembro de 2011. 
  6. Mapa de Cape Town arredor de 1845
  7. Mapa de Cidade do Cabo, 1890
  8. Foto de 1948 cos recheos do porto de diante da cidade histórica, aínda baleiros [4]
  9. Vista aérea da zona occidental da vila arrodeando o Lion's Head, 1937 [5]
  10. Vista da Grand Parade e o Castelo coas vías de diante, 1942
  11. Vista xeral do centro da cidade en 1954; aínda visibel a Parade e o Castelo diante da explanada dos recheos [6]
  12. Idem en 1974 cos novos desenvolvementos na área do recheo: diante da Parade (apenas distinguible) e a traza do Castelo, a nova gran estación central e os rañaceos do centro cívico e de negocios [7]
  13. Foto satelital do centro de Cidade do Cabo en 1983: a Parade e o Castelo á esquerda embaixo [8]
  14. Páxina sobor dos poboados nos Cape Flats
  15. "Mapa-cómic descritivo da metrópole actual ". Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2013. Consultado o 14 de setembro de 2011.