Chapeu de hemisférico a plano-convexo, de até 7 cm de diámetro. Marxe excedente, incurvado, con restos do veo universal e gretado coa idade. Cutícula de cor amarela sulfurosa, coa zona central apardazada. O himenio está formado por lamelas apertadas e adherentes; presenta lamélulas. De cor amarela-sulfurosa ao principio, despois averdadas e por último pardo oliváceas a violáceas. O pé é cilíndrico, oco, fibriloso e curvado, de cor amarela; de 5 a 12 cm de lonxitude e de 0,5 a 1 cm de groso.
Hábitat e época de aparición do cogomelo
É un fungo saprófito; medra sobre madeira morta e tocos de piñeiros, sobreiras e caxigos polo outono. É moi frecuente en Galiza nos piñeirais, especialmente no sur do país.
Comestibilidade
É un fungo velenoso e moi tóxico, mais doado de identificar. A carne é amarelenta, de cheiro a iodo e sabor amargo.
Ollo! Cómpre ter en conta que a inxesta de cogomelos pode ser mortal e polo xeral non son doados de identificar, sempre seguir as recomendacións dun experto.
Sinónimos
Agaricus fascicularis Fr. 1821
Agaricus fascicularis Huds. 1778
Agaricus sadleri Berk. & Broome 1879
Clitocybe sadleri (Berk. & Broome) Sacc. 1887
Dryophila fascicularis (Fr.) Quél. 1888
Dryophila fascicularis var. fascicularis (Fr.) Quél. 1888
Geophila fascicularis (Fr.) Quél. 1886
Hypholoma fasciculare (Fr.) P. Kumm. 1871
Naematoloma fasciculare (Fr.) P. Karst. 1880
Naematoloma fasciculare var. fasciculare (Fr.) P. Karst. 1880
Pratella fascicularis (Fr.) Gray 1821
Psilocybe fasciculare (Fr.) Kühner 1980
Psilocybe fascicularis var. fascicularis (Huds.) Kühner 1980