Hidatidose

Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Ciclo biolóxico do Echinococcus granulosus

A hidatidose ou equinococose [1], é unha enfermidade parasitaria do home e outros animais domésticos producida pola fase larvaria do verme Echinococcus granulosus, parasito do can; tamén pode estar causada por outra tenia semellante, o Echinococcus alveolaris ou multilocularis. A enfermidade alcanza grande importancia nos países de clima temperado.

Ciclo biolóxico

O verme adulto (1)[2] é unha tenia plana de pequeno tamaño (3–6 mm), denominada Echinococcus granulosus (Basth, 1786), formado por un escólex e 3-5 aneis ou proglotes, que parasita especificamente o intestino delgado do can e ocasionalmente outros cánidos (raposo, lobo). Estes hóspedes definitivos non manifestan síntomas clínicos da enfermidade. Os vermes producen ovos que son expulsados ó exterior coas feces do animal (2), e rematan sendo inxeridos por animais herbívoros (ovellas e cabras principalmente, pero tamén vacas, cabalos, porcos ou camelos) coa herba, e que actúan como hóspedes intermediarios. Este contaxio tamén pode producirse por inxestión de auga contaminada polas feces do can enfermo.

Pode darse o caso de que sexa o home quen inxira algún produto vexetal contaminado, directa ou indirectamente, a través da auga da rega, actuando coma hospedador intermediario cego [3]. Considérase, xa que logo, unha zoonose.

Hidátides no fígado dun año

No hospedador intermediario, os ovos do parasito eclosionan no intestino e liberan unha larva denominada oncosfera (3), que atravesa a parede intestinal e migra polo sistema circulatorio ata fixarse en diversos órganos, especialmente fígado (60% dos casos) e pulmóns (25% dos casos) pero tamén nos riles, ósos e outros órganos, incluído o cerebro. Nestas localizacións, a oncosfera dá lugar a un quiste de tamaño diverso no que se desenvolve a larva da tenia. Este quiste denomínase hidátide (4) e provocará unha clínica distinta segundo o órgano afectado e o número de quistes resultando, nalgúns casos, mortal.

Cando se sacrifica o animal e se inspeccionan as vísceras, aquelas que presentan quistes deben rexeitarse para o consumo humano. Se este sacrificio faise con garantías sanitarias, nun matadoiro, as vísceras infestadas destrúense, normalmente por incineración, pero cando se fai no campo ou sen esas garantías, esas vísceras botábanse ós cans, co que se pechaba o ciclo biolóxico. O can inféstase ó inxerir eses quistes xa que, no seu intestino, evaxina o éscolex –segmento cefálico- (5) e fíxase na mucosa intestinal (6), madurando ata alcanza-lo estado adulto ó cabo de 30-80 días.

Outra forma probable de contaxio para o home é o contacto directo cos cans. A OMS realizou un estudo epidemiolóxico entre os pastores do estado de California que demostrou que son 1.000 veces máis propensos a padecer hidatidose cós demais habitantes do estado. Noutro estudo, realizado no Líbano, comprobouse que os propietarios de cans teñen un risco 21 veces maior có resto da poboación.

Prevención e tratamento

O sistema de loita máis eficaz contra esta parasitose é o tratamento antiparasitario de tódolos cans, como medida rutineira e permanente. Tamén resulta imprescindible a destrución das vísceras infestadas, evitando que poidan ser inxeridas polos animais carnívoros.

O único tratamento eficaz é o cirúxico.

Notas

  1. Adoita empregarse o termo hidatidose para a enfermidade no ser humano, reservando o de equinococose para a enfermidade nos animais, polo parasito adulto.
  2. Os números corresponden ás distintas fases do ciclo biolóxico na imaxe.
  3. Quérese dicir que interrompe o ciclo ó non ser posible que o home sirva de fonte de contaxio para outro can.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Campillo, Miguel Cordero del (2008). "Notas históricas de la equinococosis/hidatidosis.". Información Veterinaria (6): 26–28. ISSN 1130-5436. 
  • ROJO VÁZQUEZ, Francisco: Sobre la epidemiología, profilaxis y control de la hidatidosis, 1990.
  • SAIZ MORENO, Laureano: Las zoonosis. Aedos, Barcelona 1976.
  • VARIOS: Diccionario galego de termos médicos. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Santiago de Compostela, 2002.
  • WEST, Geoffrey: Diccionario enciclopédico de veterinaria. Grass Ediciones, Barcelona 1985.

Ligazóns externas