Henri Parot, Unai[1], nado en Alxer o 6 de xaneiro de 1958, é un membro de ETA. Formou parte do comando itinerante da banda ou comando "Argala" e foi capturado en abril de 1990. Recibiu 26 sentenzas condenatorias coas que sumou case 4.800 anos de prisión, séndolle imputados 82 asasinatos.
Traxectoria
Nado na daquela Alxeria francesa, posúe a nacionalidade francesa. Os seus pais procedían do sur de Francia. Trasladouse á cidade de Baiona, onde comezou a expresarse en éuscaro cando tiña 16 anos, en 1975. Ese ano, o seu irmán Jean salvou a vida nun atentado tardofranquista nun restaurante de Baiona. Nesa época, os prófugos da xustiza española e os opositores ao goberno franquista refuxiábanse no País Vasco francés. Posteriormente, Jean uniríase tamén á banda terrorista.
Actividade terrorista
En 1978, Parot contactou con ETA, a través de Domingo Iturbe Abasolo, que chegaría a ser un dos líderes da organización, e quen supostamente lle propuxo ingresar nun novo comando "itinerante", chamado dentro da organización como "Argala". Este comando estaba formado soamente por cidadáns de nacionalidade francesa, o que lles permitía moverse con certa liberdade, sen levantar sospeitas, por toda España.
Parot cometeu o seu primeiro asasinato o 2 de novembro dese ano en Irún, cando el e Jean-Pierre Erremundeguy dispararon a queimarroupa contra o industrial José Legasa, que se negara a pagar o imposto revolucionario.[2]
Este comando perpetrou vinte e dous atentados, nos que morreron asasinadas 38 persoas e resultaron feridas máis de duascentas, sobre todo militares e gardas civís, incluíndo atentados como o asasinato do xeneral Guillermo Quintana Lacaci, sendo o propio Parot o asasino material, acompañándoo o tamén etarra Lasa Mitxelena como condutor do Renault 18 de cor branca no que cometeron dito asasinato, ou a voladura da casa cuartel de Zaragoza o 11 de decembro de 1987, onde causou 11 mortos (entre eles cinco nenas).[3]
Detención e cargos
O 2 de abril de 1990 foi detido en Sevilla, mentres conducía un coche cargado de explosivos co que pretendía que estoupase a xefatura de policía, logo de tentar superar un control rutineiro da Garda Civil, con cuxos axentes sostivo un tiroteo, no que feriu a dous deles.
A Henri Parot fóronlle imputados 82 asasinatos, que supuxeron 26 sentenzas condenatorias coas que sumou case 4800 anos de cadea.[2]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas