Gómez Manrique foi un eclesiástico castelán pertencente á poderosa familia palentina dos Manriques de Lara, bispo de Palencia,[1] bispo de Tui[Cómpre referencia] (1348-1351), arcebispo de Santiago de Compostela (1351-1362) e arcebispo de Toledo (1362-1375).[2]
Traxectoria
Fillo de Pedro Ruiz Manrique de Lara (1270-1323), IV Señor de Amusco, e de Teresa Rodríguez de Sotomayor (nada c. 1310). Os seus irmáns foron Garci Fernández Manrique de Lara (c. 1305-1362), V Señor de Amusco e Pedro Manrique.
A súa nai casou en segundas nupcias con Garcilaso I de la Vega (1280-1328), chanceler do rei Afonso XI de Castela. Deste segundo matrimonio nacería a súa medioirmá Elvira Lasso de la Vega (nada c. 1325).
En 1367, no decurso da guerra polo trono de Castela entre Pedro I e Henrique II, despois da batalla de Nájera, foxe de Burgos para dirixirse ao Reino de Aragón na compañía do arcebispo de Zaragoza e da muller e fillos de Henrique II.[3]
Arcebispo de Toledo
En 1369, ao pouco da morte de Pedro I e tras un duro cerco, o arcebispo Gómez Manrique e os nobres de Toledo entregaron a cidade a Henrique II (a cambio de que se restitúan todas as posesións que antano foron dela, como Puebla de Alcocer). Un decreto real confiscou os bens dos xudeus de Toledo e auméntalles os tributos.
O 23 de xuño de 1369 Gómez Manrique conseguiu que o rei Henrique II doe a cidade de Talavera de la Reina con todas as súas aldeas ao arcebispado de Toledo, a cambio da vila de Alcázar.[4]
Notas