A aldea atópase ao pé do monte do Castelo e a uns cinco quilómetros da vila de Xinzo de Limia. Ó seu arredor están as aldeas de Gudes, Mosteiro e Lamas.
Patrimonio
En Guntimil pódese observar como principal monumento a igrexa de San Xoán, unha das 9 igrexas que se conservan no concello de Xinzo de Limia e son un referente de arte románica da Limia. Grazas a unha inscrición situada a carón da porta lateral, coñécese a súa data de modificación e ampliación da nave que é en 1617.
Tamén conta cun pazo tradicional, que a día de hoxe están restaurando para alugar como casa rural para turistas e co antigo forno que xa non se lle da uso pero que se conserva como monumento antigo.
Economía
A economía da poboación baséase principalmente na gandaría xa que hai diversas granxas de ovellas e porcos, máis unha industria do sector da maquinaria e a metalurxia. Tamén unha pequena parte da poboación son serradores.
Festas
As festas parroquiais celébranse na fin de semana máis próxima ao 24 de xuño, día de san Xoán. O sábado faise unha sardiñada no campo da festa, acompañada de música, e o domingo hai unha procesión levando os santos dende a igrexa, dando volta pola aldea do lado e ó regresar celébrase unha misa.