Guillermo Santos Caride, coñecido como Quique, nado en Lavadores en 1913 e finado en Vigo o 15 de decembro de 1941, foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Traxectoria
Fundidor domiciliado no barrio de Naia, de Lavadores. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi chamado a filas e desertou e estivo fuxido. Reclamado polo xuíz militar de Vigo mediante requisitoria o 11 de novembro xunto con José Romero González, Álvaro Ballesteros Estévez e o seu irmán Jaime Santos Caride.[1] Volveu ser reclamado polo xuíz militar de Vigo en xuño de 1937 xunto con Roberto Oya Alonso, Álvaro Ballesteros Estévez, Eugenio González Fernández, Abraham Lloriente Sánchez, Fermín Pais Alonso e outros veciños de Lavadores fuxidos,[2] e foi declarado en rebeldía. Membro do grupo de José García Morales e o seu irmán. O seu irmán Jaime, de 15 anos, morreu nun enfrontamento coa Garda Civil o 10 de febreiro de 1938. Presentouse en 1939 ante o gobernador civil de Pontevedra Manuel Gómez Cantos. Volveu ao monte ante o temor a ser detido. En xullo de 1940 foi procesado por atraco e roubo con Amador García Coco e Manuel Rodríguez Fernández.[3] Decidiu vender aos seus antigos compañeiros, caendo pola súa delación Julio Guillén Biel e Jesús Lago González. A pesar diso foi xulgado en Vigo por rebelión militar e condenado á pena de morte. Foi fusilado no castelo do Castro de Vigo o 15 de decembro de 1941.
Notas
- ↑ El Pueblo Gallego, 8-11-1936, p. 3.
- ↑ El Pueblo Gallego, 18-6-1937, p. 2.
- ↑ Requisitoria, El Pueblo Gallego, 16-6-1940, p. 2.
Véxase tamén
Bibliografía
- Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. p. 127. ISBN 84-8485-231-8.