O Grupo dos Amigos de Olivença - Sociedade Patriótica é, como vén definido no seu estatuto, "unha organización nacional, apartidaria, de fins patrióticos, culturais, históricos e beneficentes, sen intereses lucrativos", con sede en Lisboa. Loita, por medios pacíficos, pola restauración da soberanía portuguesa sobre o territorio de Olivenza, a chamada Cuestión de Olivenza.
Obxectivos
Aínda de acordo co seu estatuto, son obxectivos fundamentais do Grupo:
- a) Loitar, intransixentemente, pola defensa da Unidade Nacional, pola salvaguarda da Integridade Territorial de Portugal e pola afirmación da Soberanía Portuguesa;
- b) Defender, por medios non violentos, a reintegración da Vila de Olivenza e o seu termo no Territorio Nacional, do cal foi apartada, á forza, pola España en 1801;
- c) Presionar os órganos de soberanía do Estado Portugués a non alienaren esta parcela do Territorio Nacional, en obediencia ao Artigo 5.º da Constitución da República Portuguesa;
- d) Conservar e alimentar o interese Nacional sobre a Historia, a Cultura e o Benestar das poboacións de Olivenza e o seu termo;
- e) Colaborar cos órganos de soberanía portugueses na defensa dos dereitos portugueses sobre Olivenza, no sentido de se efectuar o cumprimento das decisións do Congreso de Viena de 1815;
- f) Promover, entre os portugueses, o culto do amor pola Patria e o respecto e a admiración polas grandes figuras da Historia de Portugal, moi especialmente relacionadas con Olivenza e todo o Alentejo;
- g) Participar, activamente, na defensa do Patrimonio Cultural Portugués en canto matriz da nosa identidade.
Historia
O Grupo descende da Sociedade Pró-Olivença, fundada en Lisboa o 15 de agosto de 1938, por iniciativa de tres alentexanos: Ventura Ledesma Abrantes, libreiro oliventino radicado en Lisboa, Amadeu Rodrigues Pires e Francisco de Sousa Lamy, ambos comerciantes na capital portuguesa.
A acta inaugural en que aparece pola primeira vez oficializado o Grupo dos Amigos de Olivenza ten data de 26 de novembro de 1945.
Na lista dos cuarenta socios-fundadores constan importantes nomes da época, como os do Xeneral Humberto Delgado, do Prof. Doutor Queirós Veloso, do Xeneral Ferreira Martins, João Afonso Corte-Real, Xeneral Raul Esteves, Luís Lupi, Dr. Paulo Caratão Soromenho ou o Dr. José Pontes.
En 1981, o Almirante Pinheiro de Azevedo foi elixido Presidente do Grupo, función que exerceu até 1983. A súa primeira acción foi a de mudar o nome da asociación, que pasou a chamarse Movimento Patriótico Pro-Olivença.
Despois do período conturbado da súa presidencia, a asociación volveu a designarse Grupo dos Amigos de Olivenza. Trala reconstitución celebrada a 10 de marzo de 1997, a asociación pasou a chamarse Grupo dos Amigos de Olivenza - Sociedade Patriótica.
Asociacionismo da causa
Na historia do irredentismo oliventino existiron aínda outras organizacións como o Círculo de Estudos Históricos de Olivenza, o Comité Olivença Portuguesa, o Círculo de Estudos Oliventinos e o Fórum Olivença.
Véxase tamén
Bibliografía
- António Manuel Bandeira de Oliveira, O Porto e a questão de Olivenza: a propósito da "Rua de Olivenza", no Porto, Lisboa, Grupo dos Amigos de Olivenza, 2001.
- Rua de Olivenza, Lisboa, Câmara Municipal de Lisboa, 1998.
- Rua Ventura Abrantes, Lisboa, Câmara Municipal de Lisboa, 1999.
Ligazóns externas