Gonzalo Mella Liñares, nado en Rarís, Teo, o 18 de decembro de 1967, é un exfutbolista galego, que xogaba de dianteiro.
Traxectoria
Como futbolista
Naceu en Rarís, sendo un dos dous fillos do aviador José Mella Pascual e de Nélida Liñares.[1] Formouse como futbolista no Calo, pasando en 1985 ao Deportivo da Coruña Xuvenil, co que non chegou a xogar a tempada completa, pois foi subido ao Fabril.[2] No verán de 1986, con 16 anos, Eusebio Ríos chamouno para realizar a pretempada co primeiro equipo do Deportivo da Coruña, disputando varios amigables e recibindo as súas primeiras convocatorias para partidos de liga.[3] Con todo, unha lesión de pube cortou a súa progresión. Recuperado, regresou ao Fabril, e o 25 de outubro de 1987 debutou en partido oficial co Deportivo da man do adestrador Luis Rodríguez Vaz, nun encontro da Segunda División ante o Granada no que tamén se estrearon co equipo os fabrilistas Busto e José Ramón. Xogou cinco xornadas consecutivas como titular e a continuación volveu ao Fabril, ata que en febreiro de 1988 sufriu unha grave lesión nun partido ante o Portonovo, con fractura de peroné e fisura de xeonllo.[4] Trala recuperación volveu ás filas do filial, e en decembro dese mesmo ano saíu cedido ao Racing de Ferrol, da Segunda División B, debutando cun gol contra o As Pontes.
Na tempada 1989/90 formou parte do primeiro equipo do Deportivo, con Arsenio Iglesias como adestrador, co que xogou 18 partidos, todos como suplente. Marcou un gol, nunha vitoria por 2-0 en Riazor ante o Betis, cuxa portería defendía o campión mundial Nery Pumpido.[5] Deixou o club ao remate da tempada e asinou co Compostela, de Segunda B. A pesar de marcar dous goles nos seus dous primeiros partidos, custoulle entrar no once titular de Castro Santos e non chegou a ter demasiada continuidade, polo que ao remate da tempada, despois de lograr o ascenso a Segunda División, decidiu deixar o equipo.[6] A continuación fichou polo Bergantiños, co que xogou durante catro tempadas en Terceira División, ata a súa retirada en 1995.
Como preparador físico
Despois de colgar as botas continuou vencellado ao mundo do fútbol e xa no ano da súa retirada pasou a traballar como preparador físico do Vista Alegre, filial do Compostela. En 1999 foi elixido por José María Caneda para exercer esa mesma función no primeiro equipo, da Segunda División.[7]
Vida persoal
É pai de David Mella, futbolista do R. C. Deportivo.[8]
Notas