Giovanni Ballico, nado en Lonigo, Vicenza, o 28 de novembro de 1924, é un exfutbolista e exadestrador italiano, que xogaba como centrocampista.
Traxectoria
Como xogador
Formouse como futbolista no Schio, co que debutou na Serie C en 1942. Ao remate da primeira tempada trala segunda guerra mundial, pasou a xogar no SPAL, da Serie B.[1] Con todo, unha serie de lesións impedíronlle disputar máis de 8 partidos.
En 1947 fichou pola Sampdoria, coa que debutou na Serie A o 14 de setembro de 1947. Militou durante sete tempadas no club xenovés, xogando 160 partidos de liga. En 1954, fichou polo Palermo, co que xogou durante catro tempadas antes da súa retirada, participando no ascenso do equipo á Serie A na 1955/56.[1]
Disputou un total de 172 partidos na Serie A e 82 na Serie B.
Selección italiana
Foi internacional coa selección italiana xuvenil nunha ocasión, o 11 de novembro de 1951, nun partido contra Exipto.
Adestrador
Trala súa retirada como futbolista iniciou unha carreira como adestrador, comezando nos bancos do Schio e o Entella. En 1962 debutou na Serie A, á fronte do Palermo,[2] e en 1976 substituíu a Guido Capello á fronte do Palermo, sendo pouco despois el mesmo substituído por Ottavio Bugatti. Ademais actuou como director deportivo de varios equipos, como o Lanerossi Vicenza ou o Pescara.[1]
Notas