Germán Parreño Boix, coñecido simplemente como Germán, nado en Elx o 16 de febreiro de 1993, é un futbolista español que xoga como porteiro no Deportivo da Coruña, da Segunda División.
Traxectoria
Formouse nas canteiras do Elche e do Espanyol e na tempada 2012/13 debutou co Espanyol B na Segunda División B. Foi o gardameta titular na maioría de partidos da campaña e ao remate da competición foi subido ao primeiro equipo.[1] O 8 de decembro de 2013 debutou co primeiro equipo nos oitavos de final da Copa do Rei diante do Real Jaén.[2]
O 6 de abril de 2014 disputou o seu único partido na Primeira División, substituíndo ao sancionado Kiko Casilla nunha derrota por 4-1 ante o Sevilla.[3] En xaneiro do ano seguinte foi cedido ao Racing de Santander ata xuño.[4] Para a tempada 2015/16 foi cedido ao Girona, tamén de Segunda, onde foi suplente de Isaac Becerra, chegando a xogar só un partido de Copa do Rei.
No verán de 2016 desvencellouse do Espanyol e regresou ao seu primeiro club, o Elche, co que só disputou catro partidos, sendo Juan Carlos o gardameta titular.[5] Na seguinte campaña baixou unha categoría para xogar co UCAM Murcia na Segunda División B.[6] Alí recuperou a titularidade ata que en decembro sufriu unha lesión de menisco que o afastou dos terreos de xogo durante meses. Na tempada 2018/19 foi o gardameta máis utilizado polo técnico Pedro Munitis, e pechou o seu paso por Murcia cun total de 49 encontros oficiais.
En 2019 fichou polo Ibiza, da mesma categoría, no que xogou durante os seguintes catro anos, logrando no segundo deles o ascenso á Segunda División.[7]
En xullo de 2023 foi anunciado como novo porteiro do Deportivo da Coruña na Primeira Federación.[8] Aínda que xerou algunhas dúbidas no inicio da tempada, acabou gañando seguridade e converteuse nun titular indiscutible para o adestrador Imanol Idiakez.[9] As súas boas actuacións contribuíron ao éxito global do equipo, que se proclamou campión absoluto da categoría e ascendeu á Segunda División.[9]
Palmarés
- Deportivo da Coruña
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
|
---|
Campión da Primeira División RFEF |
|