Gerardo Díaz Ferrán, nado o 27 de decembro de 1942 en Madrid, é un empresario español de orixe galega. Entre 2007 e 2010 foi presidente da Confederación Española de Empresarios (CEOE).
Vida e traxectoria profesional
Nado en Madrid, pero de familia luguesa, este importante enxeñeiro industrial e empresario mantivo sempre forte o vencello co tecido económico galego.
En 1967 fundou a empresa de autobuses Trapsa, co que se inicou no mundo económico. Despois, canda o empresario Gonzalo Pascual iniciou unha traxectoria polo mundo das empresas turísticas, hostaleiras e de transportes, e de feito foi presidente de grupos como Teinver, Hotetur, Aebal, Air Plus Comet, Aerolíneas Argentinas, Pullmantur e Tiempo Libre (Mundicolor). Tamén foi vicepresidente de Viajes Marsans e de Trapsatur, e conselleiro de Spanair e de Caja Madrid. O 13 de febreiro de 2006 foi escollido presidente da Confederación Española de Empresarios (CEOE).
Tamén desempeñou cargos en diversas organizacións: foi presidente da cámara de comercio de Madrid, vicepresidente do Consello Superior das Cámaras, e presidente da patronal madrileña e da patronal do transporte de viaxeiros por estrada, Asintra. Ademais, foi presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama).
Procesos xudiciais
Tras a quebra de todas as súas empresas, o 29 de novembro de 2010 o Xulgado do Mercantil número 5 de Madrid ditou o concurso necesario de acredores de Xerardo Díaz Ferrán.[1]
Era o presidente e máximo responsable de Viajes Marsans cando esta empresa foi declarada en quebra e deixou sen pagar a acredores, clientes e empregados.
Está sendo investigado por unha presunta estafa na emisión de vales de Nueva Rumasa.
Está en trámite unha querela por apropiación indebida presentada por catro empresas acredoras de Viajes Marsans contra Díaz Ferrán e os seus socios.[2]
En xullo de 2012 fíxose pública unha investigación sobre un suposto desvío de 4,9 millóns de euros a Suíza dunha empresa de viaxes irlandesa. Acusouse entón de intento de branqueo de cartos e de intentar escapar do embargo económico que sofre por 417 millóns, que lle reclaman varios acredores.[2][3]
O 3 de decembro de 2012 foi detido en Madrid por presunto delito de ocultación de bens.[4]
Galardóns
- Medalla de Ouro ao Mérito Turístico (1996).
- Medalla de Ouro da Asociación Española de Compañías Aéreas (2001).
- Medalla de Prata ao Mérito no Traballo (1999).
- Home de negocios do ano para a Cámara de Comercio de Madrid (2000).
- Cruz ao Mérito Aeronáutico con Distintivo Branco (2001).
- Premio Raíña Cristina de Suecia (2004).
- Cabaleiro da Imperial Orde de Carlos V.
- Premio Victoriano Reinoso (2006).
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas