Comezou a súa carreira universitaria en Long Beach, mais tras un incidente continuou na Universidade de Eastern Michigan. Neses dous últimos anos, fixo unha media 26,8 puntos e 14,4 rebotes por partido.
NBA
Foi elixido no draft de 1974 na cuarta elección da terceira rolda por Phoenix Suns, franquía na que nunca chegou a xogar. De feito, a súa carreira profesional comezou dous anos antes, na desaparecida liga ABA, nos Virginia Squires, de onde pasou ao ano seguinte a San Antonio Spurs, equipo que aínda competía na liga do balón tricolor. Con eles deu o salto á NBA, e na súa segunda tempada na devandita liga, conseguiu un dos fitos máis rechamantes desta competición: anotou 63 puntos no último partido da liga regular para así superar a David Thompson como máximo anotador da tempada por tan só 6 centésimas de punto (27,21 puntos por partido polos 27,15 de Thompson). Foi a primeira de tres tempadas consecutivas logrando ser o máximo anotador da liga. Posteriormente lograríao unha cuarta vez, en 1982. Só Wilt Chamberlain e Michael Jordan gañaron máis títulos de mellor anotador que os catro de Gervin.
En nove tempadas cos Spurs, conseguiu cinco títulos de campión da División Medio Oeste (Midwest Division). Ademais, fixo de media 27 puntos por partido nos play-offs. Acabou a súa carreira con 33 anos nos Chicago Bulls. Conservaba un récord da NBA, o de máximo anotador nun único cuarto de partido, con 33 puntos, logrado na temporada 1977−78, até que foi superado por Klay Thompson dos Golden State Warriors, quen marcou 37 no terceiro período contra os Sacramento Kings no Oracle Arena de Oakland (California) durante a temporada 2014−15.