O galo de auga cristado mide entre 38 e 45 cm de longo, ten unha envergadura alar de 75 a 85 cm e pesa entre 585 e 1085 g.[4][5] A plumaxe dos adultos é totalmente negra, en contraste co branco do seu escudo frontal e o bico cor celeste. Diferénciase da galiñola negra común por presentar dúas protuberancias vermellas na parte superior do escudo, ser lixeiramente meirande e ter o pescozo máis longo. As patas son cincentas e teñen dedas lobuladas longas que lle permiten nadar. O iris dos ollos é vemello.
Os polos que acaban de facer eclosión están cubertos de penuxe cincento agás na gorxa e meixelas, que son amarelas e teñen o bico avermellado. Ao creceren adquiren un ton cincento uniforme. Os xuvenís son pardos cincentos, coa gorxa e a parte dianteira do pescozo claras, e carecen do escudo frontal. Adquiren a plumaxe adulta aos 3 ou 4 meses, mais non se desenvolve o escudo frontal ata o ano de idade.
Taxonomía e etimoloxía
O galo de auga cristado, como outras galiñolas, pertence ao xénero Fulica, incluído na familia Rallidae, unha familia de aves acuáticas e semiacuáticas de tamaño medio, aínda que pequenas en comparación co resto de Gruiformes. Os rálidos adoitan ter o percozo relativamente longo, a cola curta, robustas patas con dedas longas e plumaxes discretas en contraste cos seus coloridos bicos e escudos frontais.
O galo de auga cristado foi descrita cientificamente polo zoólogo alemán Johann Friedrich Gmelin en 1789,[6] co seu nome científico actual, Fulica cristata. Fulica en latín significa simplemente 'galiñola', e cristata significa 'cristada',[7] en referencia ás súas características protuberancias vermellas da cabeza.
É unha ave sedentaria que se distribúe por África austral e oriental, ademais de Marrocos e o sur e leste da Península Ibérica, en zonas húmidas con vexetación alta, como os lagos de auga doce, estanques e marismas.
Aínda que antes era moi abondosa en todo o arco mediterráneo ibérico, arestora só se encontra en zonas húmidas de Andalucía e algunhas da Comunidade Valenciana, desde onde se está intentando recuperar a especie noutras zons como o delta do Ebro. Aínda que a nivel global se clasifica como especie pouco preocupante,[1] en España está considerada como especie en perigo de extinción.[9] En Galicia só aparece como ave accidental.[3]
Comportamento
O comportamento do galo de auga cristado é practicamente igual ao da galiñola negra común (que é nativa e común en Galicia). É de hábitos menos discretos que a maioría dos demais rálidos. Durante a época de cría é territorial e agresiva e adoita desafiar e atacar a calquera intruso, mesmo a aves de maior tamaño como o ganso de Exipto.[10] Pode ser albiscada nadando en augas abertas e camiñando polas herbeiras próximas ás ribeiras.
Ten un voo pesado e adoita ser reticente a voar para curtas distancias. Para fuxir ou atacar na auga adoita correr patuxando pola superficie da auga movendo as ás, mais sen engalar de todo. Mentres nada adoita baixar e subir a cabeza e pode mergullarse en curtas distancias meténdose na auga dun salto.
Aínda que O galo de auga cristado é omnívora, aliméntase principalmente de plantas acuáticas como as especies de Potamogeton.[11] Tamén caza unha gran variedade de pequenos animais, incluídos os ovos e os polos doutras aves acuáticas.
Durante a época de cría é moi ruidosa e as súas chamadas son bastante diferentes das da galiñola negra común. Emite rápidos kerrre similares aos da galiñola pequena, ásperos ka-haa e gruñidos de tipo "uut uut".[12] Constrúe un niño de canas secas e ramas peto da beira da auga ou flotando sobre ela ancorado na vexetación emerxente. Pon arredor de oito ovos no mes de abril,[10] que incuba durante 25 días.