Galiza a José Afonso foi o título dun concerto homenaxe celebrado en honra do cantautor portugués José Afonso, o 31 de agosto de 1985 no parque de Castrelos, en Vigo. No ano 2000 saíu unha escolma do mesmo, editada en duplo CD por Edicións do Cumio, tamén baixo o nome de Galiza a José Afonso.
Unha das intencións do acto era recadar cartos para o cantor, naquela altura gravemente enfermo. Os beneficios foron recollidos pola Associação José Afonso. O propio José Afonso daría o seu visto e prace, pedindo unha serie de condicións, entre as que se contou a incorporación dun grupo de Timor-Leste, naquela altura ocupada militarmente por Indonesia. A grave enfermidade do cantor, que xa lle impedía cantar e que o levaría o 23 de febreiro de 1987, impediríalle tamén asistir en persoa.