Gabriel Gómez Estévez (Gabriel G. Esteves), nado en París o 9 de abril de 1980, é un escritor galego.
Traxectoria
Fillo de emigrantes, naceu en París pero pasou a súa infancia e adolescencia en Vigo. En 1998 trasladouse a Santiago de Compostela para cursar a carreira de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente segue a vivir na mesma cidade.
Ten traballado como profesor, asesor lingüístico, corrector, tradutor, monitor cultural e camareiro.
Escritor en lingua galega, leva escribindo desde cativo. Na carreira dá algún recital de poesía, colabora coa revista A Caramuxa, voceiro do grupo literario Colectivo Sacou, e gaña o seu primeiro premio no campo da narrativa, grazas a unha serie de relatos reunidos baixo o título O amor a través dos tempos. Unha vez acabada a carreira, en 2005 gaña o premio Na Vangarda, que promociona a novos creadores (actual Xuventude Crea) co relato Moçalomihi, onde traslada o conflito árabe-israelí a un mundo alternativo. En 2018 ve publicada a súa primeira obra, Matrioskas, unha novela coral coa cidade de Santiago de Compostela como pano de fondo. En 2020 gaña o premio Selic coa súa obra Baleiro, novela futurista distópica ambientada tamén na capital de Galiza. En 2021 leva o segundo premio do Manuel Murguia grazas ao relato A caverna de Lara, onde se contan os efectos da pandemia de COVID-19 nunha adolescente. Nese mesmo ano, queda finalista nos premios Bellvei Negre e Sed de Mal con outra novela distópica, esta volta de xénero negro, titulada Os fillos de Crono. A finais de 2021 sae publicada en castelán.
Obra
- Matrioskas[1], Ed. Do Peirao, 2018.
- Baleiro[2], Ed. Positivas/Concello de Santiago de Compostela, 2021.
- Los hijos de Crono[3], Ed. Atlantis, 2021.
Obra colectiva
Premios
- Primeiro premio do certame literario Voces da Terra en 2000, convocado polos CAF de Filoloxía da USC, por O amor a través dos tempos.
- Primeiro premio do certame Na vangarda no 2005, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia, na categoría de relato longo, co relato Moçalomihi.
- Premio Selic de novela en 2020, organizado polo Concello de Santiago de Compostela, coa obra Baleiro.
- Segundo premio do certame Manuel Murguia de narracións breves en 2021, organizado polo Concello de Arteixo, co relato A caverna de Lara.
- Finalista no premio Bellvei Negre de novela en 2021, promovido desde o Concello de Bellvei e organizado pola emisora Bellvei Radio, coa novela Los hijos de Crono.
- Finalista no premio Sed de Mal de novela en 2021, convocado polo Festival Octubre Negro en Madrid, Ediciones Atlantis e o Colectivo de Escritores Lee o Muere, coa novela Los hijos de Crono.
Notas