Fillos dun deus menor (en inglés: Children of a Lesser God) é un filme estadounidense de 1986 dirixido por Randa Haines e escrito por Hesper Anderson e Mark Medoff. É unha adaptación da obra homónima de Medoff, e está protagonizado por Marlee Matlin (que gañou o Óscar pola súa interpretación) e William Hurt que interpretan dous traballadores dun colexio para xordos.
Foi o primeiro filme da actriz xorda Matlin, e Fillos dun deus menor salienta por ser o primeiro filme dende 1926, co filme mudo You'd Be Surprised, en ser protagonizado por actor xordo.[2] Recibiu cinco nomeamentos na 59ª edición dos Óscar, incluíndo a categoría de mellor actriz que gañou Matlin. Con só 21 anos naquela época, Matlin foi a actriz máis nova en recibir o premio nesa categoría en particular, e segue a ser a única persoa xorda en gañar en calquera categoría.[3] Fillos dun deus menor tamén foi o primeiro filme dirixido por unha muller en ser nomeado na categoría de mellor filme.[4]
Sinopse
Sarah Norman é unha moza que traballa como celadora nunha escola para persoas con deficiencia auditiva en Nova Inglaterra. Un profesor novo e enérxico, James Leeds, chega á escola e incentívaa a que deixe de lado a súa vida illada, aprendendo a falar en voz alta. Como ela xa emprega a lingua de signos, Sarah resístese ás tentativas de James para facela falar, mais ela é reticente a causa dunha historia de violación. Entre James e Sarah desenvólvese unha historia romántica e van vivir xuntos, a pesar de que as súas diferenzas e teimosía mutua os levan case ata a ruptura, pois el continúa a querer que ela fale, aínda que a súa soa presenza atafegue a Sarah.
Sarah deixa a James e vai vivir coa súa nai nunha cidade próxima, reconciliándose no proceso. Mentres, ela e James encontran un xeito de resolveren as súas diferenzas.
Personaxes
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas