Festa Nacional de España

O rei Xoán Carlos I preside o desfile militar con motivo da Festa Nacional en 2008

A Festa Nacional de España (Festa Nacional d'Espanya, en catalán e valenciano; Fiesta Nacional de España, en castelán; Espainiako Jai Nazionala, en vasco) conmemora a efeméride histórica do Descubrimento de América por parte de España e o nacemento do Imperio Español. Antigamente era coñecido como Día da Raza ou Día da Hispanidade.

Celebración

A celebración ten lugar cada 12 de outubro, onde se celebra un desfile militar en Madrid que preside o rei e ao que asisten a familia real e os representantes máis importantes de todos os poderes do Estado, ademais da maioría dos presidentes das autonomías españolas.

O Descubrimento de América en 1492 foi transcendental para o país iniciando un período de imposición lingüística e cultural en América. Todo iso ocorreu nunha época onde estaba finalizando o proceso de construción do Estado actual, coa integración dos diferentes reinos peninsulares nun único reino.

Coa chegada de Cristovo Colón a América haberá un período de conquistas as cales darán froito ao nacemento do Imperio Español, imperio que duraría desde o ano 1492 ata o ano 1898.