Family Folks

Family Folks
Family Folks, Cangas, 2019
OrixeVigo,
Xénero(s)Country rock
MembrosRuben Xuarez
Bosco Hill
Jorge Lorre
Rufus "El Guarro"
Xabier Vieitez


Family Folks é unha banda galega de cosmic folk e country rock fundada en Vigo en 2014[1]. Os seus compoñentes actuais son Ruben Xuarez (voz, guitarra eléctrica, guitarra acústica, banjo, mandolina); Bosco Hill (voz, guitarra 12, banjo, ukelele, mandolina, dobro, violín); Jorge Lorre (Jorge López González: voz e baixo); Rufus "El Guarro" (Martín López González: voz, batería, percusión) e Xabier Vieitez (teclados). As súas cancións están escritas maioritariamente en inglés.

Compoñentes

Ruben Xuarez e Bosco Hill conforman o núcleo compositivo de Family Folks. Son os membros fundadores a partir dos que nace a banda completa, unha vez sumados ao proxecto os irmáns Jorge Lorre e Rufus "El Guarro" xunto co teclista Xabier Vieitez (Vigo).

Bosco Hill e Ruben Xuarez, membros fundadores de Family Folks, 2018

Nalgunhas gravacións e concertos colaboran tamén coa banda outros músicos e intérpretes como Mauro Comesaña (batería de The Soul Jacket[2]), Javier Reboreda, Santi Mouriño (La Marabunta), Andrés Cunha, Marcos Santomé, Manuel Pedrosa, Antonio Tato, Shei Sunshine, Yago V. Pateiro, Marcos Frost, Óscar Liboreiro (encárgase da produción), Bethania Garrido, Fernando Llera, Paulo Pascual, Javi Casmans e B. M. Turner.

Historia

Family Folks en xaneiro de 2020

A orixe de Family Folks é unha historia de encontros e filosofía común[3]. Todos os seus compoñentes formaban parte previamente de distintos proxectos musicais; de feito algúns deles mantéñenos de forma paralela.

Ruben Xuarez iniciou a súa carreira musical na banda Foggy Mental Breakdown (1991), a cuxa primeira formación pertencían tamén Óscar Liboreiro, Diego de Luis, Eladio Santos (actualmente en Eladio y los seres queridos), Óscar Avendaño (actualmente baixista de Siniestro Total) e Xabier Vieitez (Transilvanians, The Soul Jacket). Esta banda fórmase en Vigo no verán de 1991 e inspiran o seu nome dun tema de Steppenwolf. O primeiro en abandonar a formación foi Xavier Vieitez, que é na actualidade o teclista de Family Folks. Foggy Mental Breakdown edita o seu único álbum oficial, Bizarre Bizarre, en 1997 co selo madrileño Animal Records. Tras trece anos de traxectoria chegou a súa disolución en 2004, aínda que posteriormente tiveron unha serie de concertos de reencontro[4]. Un dos proxectos musicais cos que convivía Foggy Mental Breakdown foi Los Tres Sudamaricones (1996), banda formada por Tony Lomba (Germán Fandiño), Eladio Santos, Rubén da Sousa Jr. (Rubén Suárez Sousa) e Javier Lado. Denominouse wachu-wachu[5] ao seu estilo, baseado na improvisación lírica e na mestura lingüística. Publicaron un único traballo, El Gran Salto a la Fama de LosTres Sudamaricones (CD, Toxic, 1997). Outro deses proxectos musicais paralelos foi Los High Sierras (2001), banda viguesa da que formaban parte Ruben Xuarez (naquel momento Rubén Suárez Sousa), os irmáns Bruno e Jacobo Jiménez e o batería Andrés Cunha. En 2003 e 2006 publicaron os seus dous principais traballos, Los High Serras ( LP/CD, City Lights, 2003) e Fortune & Venture (LP/CD, City Lights , 2006). Antes de fundar Family Folks, Ruben Xuarez formou parte tamén do grupo Mec Mecs, xunto con Javier Molina e Óscar Rodríguez. Con esta formación non publicou ningún traballo. A relación común de Javier Molina con Bosco Hill e Ruben Xuarez propiciou o inicio acústico de Family Folks. Ruben Xuarez compaxina a súa carreira musical co seu traballo como deseñador gráfico[6].

Bosco Hill (álter ego musical de Bosco Gil de Gárate) é un músico nado en Madrid que se inicia na escena musical galega da man da formación de blues rock The Last But One (2009), que integraba xunto cos músicos Marcos Frost, Javier Reboreda ("Rebo") e Marcelo Gutiérrez ("Tate"). Con anterioridade a esta formación, Javier Reboreda xa fora batería do grupo vigués Glassonion (2003). The Last But One dilúese en 2014, momento no que Bosco Hill inicia un proxecto de directo xunto con "Rebo", denominado "Hill & The Rebolution!". Tras algúns concertos, o encontro con Ruben Xuarez en 2014 motiva a fundación de Family Folks a finais dese ano. Bosco Hill e Ruben Xuarez conforman o núcleo compositivo de Family Folks. Na actualidade, Bosco Hill mantén unha colaboración co músico vigués Antonio Tato e, ademais, imparte cursos de música, poesía e ideoloxía na Universidade de Vigo[7][8].

Os irmáns Jorge e Martín (baixo os seus alias Jorge Lorre e Rufus "El Guarro") son dous prolíficos músicos da escena galega que, ademais da súa participación en Family Folks están en activo con bandas como Los Wavy Gravies (2014), Dead Wood e The Bo Derek's (xunto con Óscar Avendaño). Uníronse a Family Folks en 2015.

Xabier Vieitez é un teclista que desde o inicio da súa traxectoria comparte proxectos con Ruben Xuarez. Ademais da súa participación en Foggy Mental Breakdown, este músico formou parte de bandas como Los Arenas (surf instrumental), The Merry Melodies (garaxe, psicodelia, rhythm and blues), Skárnio ou a banda de versións The Rabbit Stones. Na actualidade, compaxina a súa actividade de profesor de piano co seu traballo en Family Folks, así como noutras formacións, como Transilvanians, Óscar Avendaño y Los Profesionales ou The Soul Jacket. Foi o último membro en incorporarse a Family Folks.

Discografía

  • All the Lost Causes[9] LP (2016), Gaztelupeko Hostak.
  • All the Lost Causes CD (2016), Gaztelupeko Hostak.
  • The Anvil Sea (CD) (2018), Gaztelupeko Hostak.
  • The Anvil Sea[10] (2LP) (2019), Gaztelupeko Hostak.
  • Naufrage LP+CD (2022), Gaztelupeko Hostak.

Videoclips

Notas

  1. "Family Folks". La Fonoteca. 
  2. "The Soul Jacket". La Fonoteca. 
  3. "Family Folks: “Esto Es Gloria, Amigos!”". Ruta 66 (en castelán). 2019-03-20. Consultado o 2020-05-27. 
  4. "El retorno del grupo nodriza del rock vigués de los noventa". La Voz de Galicia (en castelán). 2009-04-16. Consultado o 2020-05-27. 
  5. "Tony Lomba". www.farodevigo.es. Consultado o 2020-05-27. 
  6. "«De niño tenía obsesión por dibujar barcos, tanques y todo tipo de armas»". La Voz de Galicia (en castelán). 2008-05-25. Consultado o 2020-05-27. 
  7. Atlántico (2019-11-28). "Un obradoiro afondou na ideoloxía da música no S.XX". Atlántico (en castelán). Consultado o 2020-05-27. 
  8. "Actuacións en directo, exposicións teóricas e creatividade sen fin no primeiro obradoiro que afonda na ideoloxía da música no S.XX". Universidade de Vigo (en castelán). Consultado o 2020-05-27. 
  9. "Los mejores discos de americana nacional de 2016". MondoSonoro (en castelán). 2016-12-30. Consultado o 2020-06-01. 
  10. "Family Folks disco The Anvil Sea, comentario disco, 12 Marzo, 2019". La Ganzua (en castelán). 2019-03-12. Consultado o 2020-05-30.