Fårö é unha illa do mar Báltico xusto ao norte de Gotland, no sueste de Suecia. É a segunda illa máis grande da provincia e é un popular destino turístico en verán. Ten o seu propio dialecto, o faroymal, que á súa vez é dialecto do gutnish. Antigamente foi unha parroquia (socken) que incluía á illa de Gotska Sandön. O 1 de xaneiro de 2016 foi reconstituída na área administrativa do distrito de Fårö.[1]
Etimoloxía
O nome "Fårö" (en gutnish "Faroy") deriva das palabras "ö", que significa illa, e probablemente "far-", unha palabra asociada coa viaxe, como no verbo sueco "fara" (viaxar). A palabra Fårö probablemnete significa a illa á que tes que viaxar ou a illa dos viaxeiros. Os suecos do continente adoitan a malinterpretar o nome ao pensar que deriva de får, a palabra estándar do sueco para ovella, debido á gran cantidade destes animais que hai na illa. Esa palabra non existe no gutnish moderno, que usa o termo "lamm", que en sueco é cordeiro.
Xeografía
A illa está separada de Gotland polo pequeno estreito de Fårö, e conéctase a ela con ferris gratuítos operados por Trafikverket (Administración Sueca de Transporte).[2] Ten unha superficie total de 111,35 metros cadrados, dos cales 9,7 son áreas de auga ou illotes.
Nas illas de Fårö e Gotland hai formacións rochosas chamadas "Rauk" que son resultado da erosión durante a Idade de Xeo e son únicas nestas illas. En Fårö son famosos os rauks de Langhammars, no norte da illa.
Patrimonio cinematográfico
O directo de cine sueco Ingmar Bergman viviu e morreu en Fårö e varias das súas películas filmáronse alí, entre elas Como nun espello (1961), Persona (1966), Vargtimmen (1968), Skammen (1968), Paixón (1969) e Scener ur ett äktenskap (1972).[3] Tamén se rodou alí o filme de Liv UllmannTrolösa (2000), baseado nun guión de Bergman. A Bergmanveckan (semana de Bergman) é un evento dunha semana de duración que se celebra para honrar o director cada ano no mes de xuño.[4] Ademais existe na illa o Bergmancenter, un centro cultural dedicado á vida e á obra do director.[5] Bergman está enterrado no cemiterio da igrexa de Fårö, a 500 metros do Bergmancenter.
Notas
↑Regeringskansliet (ed.). "Förordning om distrikt;"(PDF). Arquivado dende o orixinal(PDF) o 30 de setembro de 2018. Consultado o 4 de abril de 2018.
↑Gotland.net (ed.). "Fåröfärjan". Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2018. Consultado o 4 de abril de 2018.