Estrada Villacastín-Vigo

Mapa da antiga estrada Villacastín–Vigo.

A estrada Villacastín-Vigo foi o nome que recibiu a vía de comunicación radial da Península Ibérica, cunha lonxitude de 572 quilómetros.

Características

Ponte de La Encomienda, construída a mediados do século XIX e abandonada tras a construción do encoro de Ricobayo sobre o río Esla.
Fito quilométrico nº 84 na travesía urbana de Villacastín.

Desde a poboación de Villacastín (Provincia de Segovia), pasa por Ávila, Peñaranda de Bracamonte, Salamanca, Zamora, Rionegro del Puente, Pobra de Seabra, A Gudiña, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Ourense, Ribadavia, A Cañiza e O Porriño. En Villacastín liga coa vía radial Madrid-A Coruña, convertida en estrada N-VI e desdobrada actualmente na autovía A-6.

A súa construción comezou a mediados do século XIX, se ben foi reformulada e construída entre 1860 e 1863. No cuarto plan xeral de estradas de 1939-41 (Plan Peña) estableceuse a nomenclatura actual das estradas nacionais de España. O seu trazado correspóndese coas actuais vías N-110 (até Ávila), N-501 (até Salamanca), N-630, N-631 (até Rionegro del Puente), N-525 (até Ourense) e N-120 (até Vigo). Agás no caso da N-631, o resto de tramos foi desdobrado ou convertido en autovía.

En numerosas poboacións do trazado como Ávila, Encinas de Abajo, Peleas de Arriba, Zamora, Roales del Pan, Valcabado, Otero de Bodas, Montamarta, Tábara, Rionegro del Puente, Pozuelo de Tábara, Mombuey, Asturianos, Pobra de Seabra, Padornelo ou Requeixo de Seabra mantense na toponimia dos nomes de rúas a denominación de carretera Villacastín-Vigo. En Ourense o nome foi substituído polo de rúa do Progreso[1], e en Ponteareas polo de rúa Real.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas