A Estela de Aristión ou Estela de Maratón é unha estela funeraria que hoxe se atopa no Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas (NAMA, inventario núm. 29) e que data do ano -510. A obra é unha das mellores esculturas da Grecia tardoarcaica[5]. Está tallada en mármore do Pentélico e mide 2,02 m de altura. Atopárona coa base de 0,24 m de altura. Fáltalle a parte superior da cabeza e o casco ático. Na parte superior da base hai unha inscrición, que indica o nome do defunto en xenitivo: Ἀριστίονος, Aristíonos, que significa "de Aristión"[6].
"Tanto as proporcións como a pose lembran os curos do final da escultura arcaica"[5]. Aristión aparece representado como un hoplita barbudo de perfil, mirando cara á dereita. Vai vestido cun quitón sobre o que leva unha armadura[7]. Esta está decorada con motivos xeométricos en forma de zigzag e grecas, mentres que no ombreiro leva a imaxe dunha estrela. O personaxe leva casco na cabeza e protectores nas pernas. Na man esquerda sostén unha lanza, e a dereita esténdese ao longo do corpo[8]. Os restos de pintura conservados indican que estaba pintada de vermello, amarelo e azul[9]. Esta estela é un dos últimos exemplos da escultura arcaica ateniense[10].
Sabíase que o escultor Aristocles de Sición tiña a súa firma nalgunhas bases, pero a súa única obra famosa é esta estela[11].
Kaltsas, Nikolaos (2002). Sculpture in the National Archaeological Museum, Athens(en inglés). Os Ánxeles: Getty Publications. ISBN0-89236-686-9.
Richter, Gisela M. A. (1984). El arte griego. Una revisión de las artes visuales de la antigua Grecia(en castelán) (2ª ed.). Barcelona: Ediciones Destino. ISBN84-233-1018-3.