O Estatuto de autonomía de Galicia[1] (ou, sinxelamente, Estatuto de Galicia), é a norma institucional básica de Galicia, en vigor dende 1981. No marco da Constitución española de 1978, o Estatuto de Galicia recoñece a condición de nacionalidade histórica a esta Comunidade Autónoma. Os poderes en que se basea son o propio Estatuto, a Constitución e o pobo galego. Establece un marco democrático de solidariedade entre quen integran o pobo galego.
Os símbolos propios do país galego: a bandeira, o escudo e o himno
A división e organización administrativa do territorio en provincias, comarcas e parroquias rurais
O recoñecemento das comunidades galegas no estranxeiro
A facenda e o patrimonio propios
As diversas competencias de acordo coa Constitución e as leis de solidariedade entre as comunidades que conforman o Estado español.
Historia
A Asemblea Parlamentaria galega constituíuse o 25 de xullo de 1979. De acordo co artigo 151 da Constitución Española de 1978, tiña competencias para elaborar e aprobar o proxecto de autonomía. Esta Asemblea acordou nomear unha comisión de 16 representantes de partidos, con e sen representación parlamentaria, para elaborar un primeiro texto. 8 dos membros pertencían á UCD, 2 ao PSOE, 2 a AP, 1 ao PCG, 1 ao POG, 1 ao PG e 1 ao PTG.
O texto que elaborou esa comisión, coñecido como o Estatuto dos 16, foi considerado por partidos nacionalistas e de esquerdas como pouco ambicioso e de segunda orde en relación con Cataluña e o País Vasco. Ante isto, convocouse unha manifestación en Vigo para o 4 de decembro de 1979 que resultou multitudinaria. Adolfo Suárez recoñeceu entón que se errara na elaboración do estatuto galego.