Un espectrograma é a representación espectral variando no tempo (formando unha imaxe), que mostra como unha densidade espectral varía no dito tempo.[1]
No eido acústico, é o resultado de calcular o espectro de frecuencia en imaxe dun sinal analóxico de son.
Pode resultar nunha gráfica tridimensional que representa a enerxía do contido frecuencial do sinal segundo vai variando esta ao longo do tempo. Obtense a través do espectrómetro.
Aplicacións
É usada para identificar sons fonéticos e procesos da fala. Poden servir para axudar a corrixir trastornos da linguaxe e para axudar a aprender a falar a persoas xordas.
Dentro do campo artístico, foi usado na música electrónica, para crear un sinal acústico a partir dun espectrograma feito cunha imaxe deseñada ou arbitraria. Tamén serve para modificar a intensidade de diferentes frecuencias ou crear novos sons musicais a partir doutros xa existentes.
É usado en sistemas de detección como o radar e o sonar.
Algúns espectrogramas analóxicos foron aplicados no estudo do canto dos paxaros e doutras especies para estudar a modulación de frecuencia da comunicación animal.
O formato máis común consiste nun gráfico con dous eixos, o horizontal representa o tempo, mentres que o vertical representa a frecuencia. Pódese engadir unha terceira dimensión que indique a amplitude nun tempo e frecuencia concretos, indicándose a intensidade en cada punto, ou mediante cores.
Hai moitas variedades de formato. Os eixos vertical e horizontal pódense permutar, correndo o tempo horizontalmente. Ás veces a amplitude represéntase mediante a altura dunha superficie en tres dimensións. A frecuencia ou a amplitude poden ser indicadas linear ou logaritmicamente, dependendo de para que se use o espectograma. No son normalmente emprégase un eixo logarítmico para a amplitude (probablemente en db), e a frecuencia represéntase de xeito linear para salientar os harmónicos e de xeito logarítmico para o ton fundamental.