O escudo do Reino de Galiza foi un escudo de representación variable ó longo dos séculos, que representaba ó Reino de Galiza.
Orixe anglonormanda
Durante os séculos XII e XIII, o desenvolvemento das armas reais por toda Europa e a adopción de símbolos para familias nobres e dominios patrimoniais como reinos, ducados e condados, levou á creación de armoriais; rexistros das armas que representaban aos reis da época. No caso do Reino de Galiza no entanto, aconteceu o curioso feito de que cando a moda dos armoriais comezou a espallarse por Europa (finais do século XIII), o Reino de Galiza xa non era independente, e carecía de rei propio, pois desde o ano 1230, o rei castelán Fernando III usurpara a coroa de Galiza e León, ás súas medias irmás.[1]
Esta circunstancia política explicaría a posible ausencia das armas de Galiza (o legio fortis ou león púrpura da monarquía galego-leonesa) nos armoriais europeos, porén a longa existencia do Reino de Galiza e a súa relevancia histórica debían facer impensable a non aparición dunhas armas de Galiza, sendo probablamente o factor que levou a que o autor do armorial inglés coñecido como Segar´s Roll, realizado no ano 1282, asignase unhas armas figurativas ao rei de Galiza -roy de Galyce- que non obstante non eran empregadas por rei ningún, xa que Galiza deixara de posuír reis propios dende había 50 anos.
Para ilustrar as armas do rei de Galiza, o autor -que debía descoñecer a existencia previa do león- debeu botar man dunha práctica común que consistía en realizar unha sinxela ecuación fonética, neste caso Galyce (Galiza) e Calice (Cáliz) que se dá na lingua anglonormanda, asignándolle ao "rei de Galiza" as armas dun cáliz ou copón, con significado soamente heráldico e non relixioso. Baseados no Segar´s Roll, a partir de entón os diferentes armoriais europeos comezaron a asignar o cáliz como emblema do reino.
Desde ese momento, o Reino de Galiza adquiría unhas armas propias, diferentes ao resto de territorios da monarquía galego-leonesa (León, Estremadura e Asturias), e que chegarían a ser aceptadas e reivindicadas no propio reino.
Notas
↑Elías e Pércopo. El Reino de Galicia hasta 1700, Volume 1. ed. Galaxia, pax. 67. p. 67.(en castelán)