Escolas de Insiño Galego

Escolas de Insiño Galego
Tipoescola
Propósitonormalización lingüística
Data de fundación1923
Data de disolución1931
Fundador(es)Irmandades da Fala
Director/aÁnxel Casal
Persoas relacionadasMaría Miramontes, Pedro Galán, Elvira Bao, Jenaro Marinhas del Valle e Manuel Luís Acuña
editar datos en Wikidata ]

As Escolas de Insiño Galego foron un proxecto pedagóxico creado na Coruña, o 8 de xullo de 1923, polas Irmandades da Fala. Seu maior promotor, director e mestre na escola masculina, foi Ánxel Casal. A proxectada escola feminina, con Elvira Bao como ensinante, nunca chegou a funcionar. As aulas mantiveron a súa actividade até o ano 1931, momento no que fecharon debido a dificultades económicas.

Traxectoria

A comezos dos século XX, a lingua galega atopábase totalmente ausente do sistema educativo. No ensino só se empregaba o castelán, único idioma oficial, e na escola os cativos aprendían a conceptuar o galego dun xeito negativo. Este comportamento desgaleguizador observábase tamén na maioría das chamadas "escolas de indianos"[1], centros constituídos coas achegas da diáspora galega, cuxas ensinanzas se orientaban á preparación dos nenos para a emigración.

As Irmandades da Fala, desde os seus inicios, ergueron a súa voz contra esta marxinación do galego na ensinanza. No seu voceiro, o periódico A Nosa Terra, recóllense múltiples artigos neste sentido, de diferentes articulistas: Carré Alvarellos, Victoriano Taibo, Aurelio Ribalta etc. Entre eles destacan os traballos de Xohán Vicente Viqueira, antigo alumno da Institución Libre de Enseñanza, e Vicente Risco quen, por mandato da Terceira Asemblea Nacionalista, chegou a elaborar un plan pedagóxico para unha futura galeguización do ensino[2].[3]

Bases das Escolas de Ensino Galego

Neste ambiente, o día 8 de xullo de 1923, na sede coruñesa das Irmandades, tivo lugar unha reunión na que se acordou fundar escolas que acordasen na infancia a conciencia da súa galeguidade.[4] Daquela asemblea saíron unhas Bases das Escolas de Insiño Galego, seguidoras do plan pedagóxico de Risco, que foron publicadas o 5 de agosto n' A Nosa Terra.

Estas Bases, fundamento para a creación das escolas, contemplaban que a lingua do ensino debía ser o castelán (por imperativo legal), mais empregando o galego nas explicacións e no material didáctico. Establecían un consello reitor composto por mestres e membros da Irmandade. Contaban para o financiamento coas achegas de socios e entidades "protectoras", acordaban un límite de 50 alumnos por ensinante e a gratuidade total de matrícula e materiais, dando preferencia os socios da Irmandade.[5]

Pretendeuse constituír dúas escolas, unha masculina, na que foi nomeado mestre Ánxel Casal, con Manuel Luis Acuña como auxiliar; e unha feminina, con Elvira Bao como mestra. Porén, só chegou a funcionar a aula masculina debido á falta de solicitudes femininas e pola enfermidade simultánea dos dous pais de Elvira Bao.[6]

As Escolas de Insiño (1924-1930)

Placa conmemorativa no antigo local da escola, na rúa Real da Coruña.

O centro masculino abriu as portas en abril de 1924[7], na sede coruñesa das Irmandades da Fala (número 17 da praza de María Pita), con 20 rapaces matriculados. No segundo semestre dese mesmo ano, a escola trasladou a súa actividade ao número 36 da rúa Real, na casa de Ánxel Casal e súa esposa María Miramontes. Os carpinteiros que fabricaron os pupitres para os cativos cederon gratuitamente o seu traballo, cobrando só o valor da madeira. Para o ano 1926 a escola contaba xa con 60 cativos, de entre cinco e dez anos. O ensino era totalmente laico e aberto a palestras externas. Polo centro pasaban decotío personalidades do galeguismo da época, como Álvaro Cebreiro, Xosé Baldomir ou o propio Castelao. O alumnado facía frecuentes saídas a lugares de interese da contorna e na escola interpretábanse habitualmente cantigas populares e o himno galego. Os cativos participaban tamén nas procesións cívicas organizadas polo Círculo de Artesáns que acudían até o cemiterio de Santo Amaro para honrar aos mortos ilustres do galeguismo (Curros, Pondal, Murguía, Tettamancy etc). Entre os mozos que frecuentaban as Escolas áchanse figuras relevantes como Jenaro Marinhas del Valle, Xulio Pita, Fernando Suárez ou os irmáns Fernando, Xaime e Pedro Galán Calvete.[7]

A escola mantívose até o curso 1930. Por aquelas datas Ánxel Casal iniciou un novo proxecto, a edición do diario progresista El Momento, do que apareceron só catorce números, con moitos dos seus contidos censurados. O periódico foi un rotundo fracaso que deixou a Casal preto da ruína económica. Decidiu daquel trasladarse a Compostela, a un local cedido por Camilo Díaz Baliño, pechando así as portas das escolas e dando comezo a unha nova etapa vital.[3]

Notas

  1. "As Escolas da Emigración". mapas.consellodacultura.gal. Consultado o 2022-08-04. 
  2. Fernández Fernández, Xosé (2009). "Planos e informe de Vicente Risco para a galeguización e a renovación da escola." (PDF). Sarmiento: Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación (13): 167–180. 
  3. 3,0 3,1 Ínsua, Emilio Xosé (venres, 6 de maio de 2016). "A ÍNSUA DO ÍNSUA: As “Escolas do Insiño Galego”: unha experiencia pedagóxica das Irmandades da Fala". A ÍNSUA DO ÍNSUA. Consultado o 2022-08-01. 
  4. "Escolas de Insiño Galego – Almanaque das Irmandades". Consultado o 2022-08-12. [Ligazón morta]
  5. Rivas Barrós, Sabela (1997). "As "Escolas do Insiño Galego" da Coruña (1924-1930)" (PDF). Revista galega de educación (30): 80–85. 
  6. Obelleiro, María (2016-05-18). "Elvira Varela, testemuña viva das Irmandades: "O que hai agora, todo o que hai, é por elas"". Nós Diario. Consultado o 2022-08-03. 
  7. 7,0 7,1 Vázquez Souza, Ernesto (2016). Uma velha Galescola: “As escolas do Ensinho galego”. A escola das Irmandades da Fala e outras experiências pioneiras e inspiradoras (Semente Trasancos). pp. 7–58. Arquivado dende o orixinal o 12 de agosto de 2022. Consultado o 12 de agosto de 2022. 

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas