A Escola galego-castelá é o nome que agrupa unha serie de poetas, de finais do século XIV e comezos do XV, que continúan a liña da lírica galego-portuguesa medieval, mais cunha menor calidade tanto literaria como lingüística (pois xa aparecen castelanismos evidentes).
Nesta época hai unha nova concepción da poesía, que está destinada a ser recitada e non cantada. Consérvanse algunhas características métricas da lírica trobadoresca como o dobre, o mordobre, o leixaprén, as cobras capcaudadas e capdenals ou a rima macho e femia. Mais aparecen xa novas modas poéticas e desenvólvese un maior virtuosismo técnico baseado no emprego da annominatio, do paralelismo e do xogo de antíteses. As obras presenten influencia provençal. Adoitan usar métrica de arte menor (versos octosílabos), se ben aparecen xa algunhas cantigas de arte maior, como nas cantigas do Arcediago de Toro. As estrofas máis comúns son a redondilla e a quintilla, xunto co pareado e o terceto.
Neste contexto hai unha menor existencia de mecenas respecto á etapa anterior, amais de diferentes gustos estéticos da nova burguesía.
A lingua usada é o galego ou o castelán con numerosos galeguismos. Hai usos de formas galegas e castelás, mesmo en posición de rima, así como arcaísmos galego-portugueses e hipergaleguismos. Esta mestura débese á orixe castelá dos seus autores e á tendencia a castelanizar dos copistas dos cancioneiros. Na etapa inicial hai unha maior corrección galega e abundancia de reminiscencias galego-portuguesas, se ben na etapa final da escola hai unha maior castelanización por mor da maior presenza de xéneros didácticos que esixen novas formas lingüísticas.
A temática das composicións é de carácter continuísta, seguindo cos tópicos do amor cortés da cançó provenzal e da cantiga de amor galego-portuguesa. Así, proséguese a relación de vasalaxe entre o poeta e a señor, a dama segue a ser concibida como o cumio da perfección, e valórase a fidelidade e constancia do amante. Por outra banda, continúa a temática satírica e relixiosa, mais reducida á crítica política e a temas morais e filosóficos, respectivamente.
Aparece unha poesía de circunstancias ambientada na vida da corte, destinada a loar a nobreza e os mecenas, exaltando valores cortesáns e morais, ou solicitando axuda para resolver a situación económica dos autores. Tamén hai composicións de carácter didáctico e moralizante, denunciando a corrupción social e a perda de valores morais.