Escala sismolóxica de magnitude de momento

A escala sismolóxica de magnitude de momento (MW) é unha escala logarítmica usada para medir e comparar sismos. Está baseada na medición da enerxía total que se libera nun terremoto. Foi introducida en 1979 por Thomas C. Hanks e Hiroo Kanamori como a sucesora da escala de Richter.

Unha vantaxe da escala de magnitude de momento é que non se satura preto de valores altos.[1] É dicir, a diferenza doutras escalas, esta non ten un valor por encima do cal todos os terremotos máis grandes reflictan magnitudes moi similares.

Outra vantaxe que posúe esta escala é que coincide e continúa cos parámetros da escala de Richter.

Por estas razóns, a escala de magnitude de momento é a máis usada por sismólogos para medir e comparar terremotos de grandes proporcións. O Centro Nacional de Información Sísmica (National Earthquake Information Center) dos Estados Unidos, dependente do Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos (USGS) usa esta escala para a medición de terremotos dunha magnitude superior a 3,5.

A pesar do anterior, a escala de Richter é a que goza de máis popularidade na prensa. Logo, é común que a prensa comunique a magnitude dun terremoto en escala de Richter cando este foi en realidade medido coa escala de magnitude de momento. Nalgúns casos isto non constitúe un erro, dada a coincidencia de parámetros de ambas as escalas, aínda que se recomenda indicar simplemente «magnitude» e evitar o texto «escala de Richter» para evitar erros.

Notas