Juan Enrique Barreiro Vázquez, nado en Castronuño (Valladolid) o 7 de xaneiro de 1899 e finado en Sanxenxo o 27 de febreiro de 1984, foi un director de cine e fotógrafo galego.
Traxectoria
Barreiro era fillo do fotógrafo da Estrada Ramón Barreiro Barcala, establecido en México, que regresou coa familia a Galicia en 1910, instalándose en Pontevedra.
Entre 1919 e 1921 comezou as primeiras investigacións fotográficas sobre a cor, a partir das que deseñou un proceso para o cine en cor, o cinecromo, patentado en 1925, despois de realizar as primeiras probas dous anos antes. Estreou no Teatro Principal de Pontevedra o documental Pontevedra, cuna de Colón[1], realizado co seu novo sistema, en 1927. Exhibiu a segunda versión dese documental no Ideal Cinema en 1930.
En 1932 montou co seu irmán Ramón e co pintor Ramón Peña a produtora Folk, con ela fixo un noticiario cinematográfico galego que se mantivo ata 1935. Rodou os documentais El Seminario de Estudios Gallegos en Deza e Por unha Galicia nova, apoiando o Estatuto de autonomía de Galicia. O mesmo tempo seguiu patentando sistemas ópticos para o cinema.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido e encarcerado na illa de San Simón, pero foi posto en liberdade pouco despois grazas á axuda de Daniel de la Sota, que fora presidente da Deputación de Pontevedra. En 1940 instalouse en Madrid, onde xa vivía o seu irmán, e abriu un laboratorio fotográfico e continuou investigando. Patentou o Yuxtacolor, un procedemento fílmico que fracasou ao comercializarse a película negativa de Kodak. O desenvolvemento foi paralizado ademais polo empeoramento da relación entre os irmáns. Retornou a Pontevedra, reabriu o vello estudio fotográfico e comezou a pintar retratos.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía