O Encontro das Augas é a confluencia do río Negro, de augas máis escuras case de cor negra, co río Solimões, como é chamado o río Amazonas no Brasil nese tramo, de augas máis claras con tonalidade arxilosa. Durante 6 km as augas dos dous ríos corren lado a lado sen mesturarse, e é unha das principais actividades turística de Manaus.
Este fenómeno é producido polas diferenzas de temperatura, velocidade e densidade da auga dos dous ríos. O río Negro ten unha velocidade próxima a 2 km por hora e unha temperatura de 22 °C, mentres que o río Solimões flúe entre 4 a 6 km por hora a unha temperatura de 28 °C.