Elisa López Velasco, nada en Mollina (Málaga) o 19 de febreiro de 1884 e finada en 1935, foi unha mestra española vencellada á Institución Libre de Enseñanza.
Traxectoria
Estudou maxisterio en Sevilla e desenvolveu a súa primeira etapa docente en Villablanca (Huelva) e en Sanlúcar de Barrameda (Cádiz).[1] Máis tarde trasladouse a Madrid, onde foi bolseira na Residencia de Señoritas no curso 1918-1919. Grazas á Junta de Ampliación de Estudios, viaxou a Francia, Alemaña, Austria, Suíza e Italia. Participou en 1925 no curso de Escolas Novas de Heidelberg e no curso de verán do Instituto Jean-Jacques Rousseau. Formou parte do grupo de mestres e mestras que, baixo a dirección de Ángel Llorca, fixeron posible de 1920 a 1935 a experiencia innovadora do Grupo Escolar Cervantes, seguindo as pautas da Institución Libre de Enseñanza.[1]
Especializada na educación preescolar, entre 1932 e 1934 colaborou coas Misións Pedagóxicas. Impartiu cursos de debuxo para mestres nas misións de San Martín de Valdeiglesias (Madrid), Fuentepelayo e Santa María la Real de Nieva (Segovia), El Burgo de Osma (Soria) e Ronda (Málaga).[2][3]
En 1931 foi unha das primeiras mulleres en formar parte da executiva da Federación de Trabajadores de la Enseñanza, adscrita á UXT.[1] Publicou varios artigos na revista da ILE, a maioría relacionados coa educación preescolar e o ensino do debuxo. Neste ámbito destaca, ademais, La práctica del dibujo en la escuela primaria, obra distribuída en catro volumes e publicada por Espasa Calpe a partir de 1933.[2][4]
Faleceu no ano 1935, vítima dunha doenza cardíaca.
Notas