Os dous partidos que partían como favoritos eran o Partido Demócrata, do até entón primeiro ministro, Abhisit Vejjajiva, e o Puea Thai, de recente formación pero herdeiro dos ilegalizados Partido do Poder do Pobo e Thai Rak Thai, liderado por Yingluck Shinawatra, irmá do exprimeiro ministro Thaksin Shinawatra, que se encontraba no exilio desde que o seu goberno fora derrocado polo golpe de Estado de 2006. Nas anteriores eleccións xerais celebradas en 2007, Samak Sundaravej, do Partido do Poder do Pobo, obtivera a maioría relativa con 233 escanos fronte a Vejjajiva, quen obtivo 165 escanos. Durante a crise de 2008 e 2009, o movemento da Alianza do Pobo para a Democracia, coñecidos como os Camisas Amarelas, conseguiron derrocar a Sundaravej e ao seu sucesor, Somchai Wongsawat, tras un pulso político durante dous anos nos que cuestionaou a nova constitución aprobada en referendo en 2007. Vejjajiva chegou ao poder ao ilegalizarse o partido do goberno e depoñer o primeiro ministro, mais cunha nova crise que durou até finais de 2010 na que os Camisas Vermellas, integrados na Fronte Unido Nacional pola Democracia contra a Ditadura e partidarios dos primeiros ministros depostos, mantiveron fortes protestas pola implicación dos membros do Partido Demócrata e do propio primeiro ministro no golpe de Estado de 2006. A crise agravouse en marzo de 2010, cando se produciu a toma da capital, Bangkok, polos Camisas Vermellas até que dous meses máis tarde, en maio, o exército asaltou os campamentos dos Camisas Vermellas, falecendo 85 persoas.
Resultados electorais
Os resultados electorais déronlle a vitoria ao Puea Thai, coa súa líder, Yingluck Shinawatra, ao obter 265 escanos (maioría absoluta) na Cámara de Representantes, fronte a 159 escanos obtidos polos demócratas de Abhisit Vejjajiva. Vejjajiva recoñeceu na noite electoral a derrota e anunciou a súa dimisión como líder do seu partido, felicitando ao Puea Thai "pola oportunidade que ten de liderar o próximo goberno e deséxolle a Yingluck Shinawatra todo o éxito como a primeira muller en ser primeira ministra de Tailandia". O exiliado Thaksin Shinawatra anunciou que buscarían acordos cos outros partidos a pesar da maioría absoluta.[1][2]
Resultados provisionais
(ás 16:00 horas UTC do 7 de xullo de 2011)
* Como os distritos electorais elixen entre un e tres deputados, algúns teñen dous ou tres votos.
Comisión Electoral
Tras as eleccións, a Comisión Electoral tiña que recoñecer os resultados, proclamando aos candidatos dentro dos trinta días seguintes ao día das eleccións.
A Comisión Electoral reuniuse o 12 de xullo e nomeou a trescentos cincuenta e oito deputados, pero sen incluír a Yingluck Shinawatra e Abhisit Vejjajiva, entre outros. O 20 de xulio recoñecía a todos os elixidos que faltaban.[3][4]
Reaccións
O exército, a través do seu antigo xefe do Alto Mando, Prawit Wongsuwan, anunciou o 4 de xullo que aceptaba a vitoria da oposición nas eleccións.[5]