Ibiza, biodiversidade e cultura é o nome empregado pola Unesco para rexistrar o 4 de decembro de 1999 un conxunto de bens culturais e naturais como Patrimonio da Humanidade por consideralo un excelente exemplo da interacción entre os ecosistemas costeiros e mariños, e da importancia da historia da illa de Eivisa, especialmente durante a época fenicia, cartaxinesa e renacentista.[1]
As salinas de Eivisa e Formentera marcaron o inicio da unión entre os bens naturais e culturais. As técnicas tradicionais de explotación dende o século VIII a.C. mantiveron o ecosistema cunha gran diversidade vexetal e animal. A calidade do sal depende da calidade da auga, que á súa vez depende en gran medida da función ecolóxica das posidonias.[2]
O antigo comercio do sal marca o valor cultural da acrópole de Dalt Vila. O establecemento Fenicio en sa Caleta é o primeiro precedente do comercio de sal. Os restos do sitio fenicio-púnico de Puig des Molins son testemuñas dos sinais dunha vila moi poboada que posteriormente evolucionou como cidade fortificada e estratéxica na época púnica, romana, islámica e épocas catalás, que culminan coa fortificación renacentista española. En cada época mantivéronse as estruturas anteriores, renovándoas e consolidándoas. A fortificación do século XVI é un antecedente práctico e teórico que se aplicou posteriormente ás fortificacións españolas en América, á vez que constitúe un precedente do modelo de fortificación francés do século XVII.
Descrición dos bens
O conxunto inclúe:
- Bens naturais:
- Prados de posidonia e as súas formacións naturais no parque natural das Salines.
- Bens culturais:
- Fortificación renacentista e conxunto histórico de Dalt Vila
- Necrópole fenicio-púnica de Puig des Molins
- Sitio fenicio de Sa Caleta, no concello de Sant Josep de sa Talaia
Parque Natural Ses Salines
O Parque Natural de Ses Salines é un espazo natural protexido das Illas Baleares e engloba as dúas illas de Eivissa e Formentera e as zonas mariñas.
A superficie ocupada é de 2.838 hectáreas e inclúe as antigas salinas de Sant Josep de sa Talaia, as de Formentera e máis de 13.000 hectáreas de espazo mariño, con posidonias especialmente, nos illotes de Es Freus.
Dalt Vila
O casco antigo de Eivissa, de orixe fenicia, foi un punto clave na navegación marítima do Mediterráneo, de aí a necesidade de fortificacións para a súa defensa. O centro histórico amurallado formouse dende a época medieval e significativamente no renacemento. As antigas murallas construíronse no século XVI para protexela dos ataques dos turcos.
Necrópole púnica de Puig des Molins
A necrópole púnica de Puig des Molins foi a zona designada como cemiterio polos fenicios, preto da cidade de Eivissa. Debido ao material arqueolóxico atopado durante as escavacións, constitúe a principal fonte de coñecemento da influencia da civilización Cartaxinesa na illa.
Sitio fenicio de Sa Caleta
O sitio arqueolóxico de Sa Caleta alberga os restos de construcións situadas nun promontorio rochoso de Sa Caleta, situado a uns dez quilómetros ao oeste da cidade de Eivissa, onde os fenicios estableceron unha colonia cara ao 650 a.C.
Ses Feixes
Nesta zona, situada nunha superficie plana fronte a Dalt Vila, móstrase unha forma de cultivo baseada nun sistema de rego por capilaridade, introducida polos almorábides. Permite un cultivo intensivo e equilibrado de solos áridos e pantanosos.
-
sitio fenicio de Sa Caleta.
-
Rúa de Dalt Vila.
-
Figura púnica en terracota atopada na necrópole de Puig des Molins.
-
Vista aérea do parque natural de ses Salines.
-
Ses Feixes.
Notas
- Referencias
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas