Echmarcach mac Ragnaill, finado en 1065, foi un caudillo hiberno-nórdico, Señor das Illas e monarca viquingo do reino de Dublín e gran parte de Galloway.
Traxectoria
Segundo Seán Duffy era neto ou bisneto de Ivar de Waterford[1]. Benjamin Hudson, no entanto, vincula a Echmarcach como neto de Gofraid mac Arailt de Mann. De todas forma ambas as opinións son conxecturas xa que non sobreviviu moito rexistro histórico e por tanto existe pouca información.
A vida de Echmarcach estivo marcada de triunfos e derrotas. En 1036 logrou o trono de Dublín con axuda de Donnchad mac Briain, rei de Munster, posible irmán de Cacht ingen Ragnaill con quen Echmarcach casou en 1032; así como Donnchad mac Gilla Pátraic, rei de Osraige e Leinster, posíbel primo irmán. Foi expulsado por Ivar III Haraldsson (Imar mac Arailt) en 1038, pero recuperou o poder en 1046 cando xa era soberano absoluto de todas as illas do mar de Irlanda: Man, as Hébridas e polo menos Rhins of Galloway. Echmarcach volveu ser expulsado de Dublín en 1052 e da Illa de Man en 1061 por Murchad mac Diarmata. Clare Downham suxire que Echmarcach foi rival de Suibne mac Cináeda, anterior monarca de Rhinns.[2]
Heimskringla menciona que Echmarcach devastou Bretland (Gales) con axuda do seu amigo e guerreiro viquingo Guttorm Gunnhildsson. Con todo, comezaron as desavinzas pola repartición do botín e enfrontáronse en batalla naval no estreito de Menai. Guttorm gañou a batalla tras orar a Olavo II o Santo e Echmarcach presuntamente morreu en combate.[Cómpre referencia]
Hudson, Benjamin. Viking Pirates and Christian Princes: Dynasty, Religion and Empire in the North Atlantic, Oxford: Oxford University Press.
Woolf, Alex. The New Edinburgh History of Scotland, Edinburgh: Edinburgh University Press.
Sturluson, Snorri. Heimskringla: History of the Kings of Norway, trad. Le M. Hollander. Reprinted University of Texas Press, Austin, 1992. ISBN 0-292-73061-6.