A intervención diplomática de Eagle Woman tiña como obxectivo acadar a paz. Porén, tralas recolocacións en reservas tratou de convencer os síux para adaptarse á nova era. Apoiounos materialmente cando o goberno dos Estados Unidos de América forzou as tribos a sustentarse por si mesmas dentro das terras estériles das reservas. Eagle Woman foi tamén parcialmente partícipe no grupo de líderes que asinou o segundo tratado de Fort Laramie en 1868, aínda que se opuxo ao tratado de Standing Rock de 1876. En 1882 converteuse na primeira muller en asinar un tratado co goberno dos Estados Unidos de América.
Gañou un conflito de comercio local cando un funcionario do goberno intentou pechar o seu posto comercial para estabelecer un monopolio na reserva. Continuou servindo como mediadora e líder da comunidade cando se produciu a invasión de colonos brancos durante a febre do ouro de Black Hills. Tamén foi elixida polo goberno estadounidense para formar parte dunha delegación a Washington, D.C. en 1872.
Eagle Woman naceu nun asentamento síux preto do río Missouri, a uns 72 km ao sur da actual Pierre, a capital de Dacota do Sur. O seu pai era o xefe Two Lance, un distinguido líder da tribo Two Kettles,[3] e a súa nai era Rosy Light of Dawn, dos Hunkpapa.[3][b] Era a menor de 8 irmáns e o seu posterior liderado estivo influenciado polo exemplo do seu pai, que buscaba a paz.[3] A súa infancia transcorreu na zona occidental do actual estado de Dacota do Sur e tivo moi pouco contacto coa cultura branca e o goberno.[2] Tiña 13 anos cando o seu pai morreu en 1833, e foi soterrado á beira do río Cheyenne. En 1837 morreu a súa nai de varíola despois de que as tribos fuxisen dos ríos para escapar da doenza.[3]
Trala morte dos seus pais, casou en 1838 co comerciante de pelescanadense Honoré Picotte,[c] un prestixioso axente na primeira posición na rexión do Alto Missouri[3] que traballaba para a American Fur Company en Fort Pierre.[2][6] Dise que tales matrimonios se beneficiaban mutuamente: para as mulleres nativas, casar cun comerciante aumentaba o seu status (aínda que non se aclara se o seu status aumentaba de cara aos membros da tribo, para os europeos ou para ambos os dous) e cos beneficios engadidos do acceso doado a mercadorías, mentres que para os comerciantes a unión permitía mellorar as súas relacións comerciais coas tribos indíxenas.[3] Picotte casara previamente cunha muller síux doutra tribo en 1829, e posteriormente cunha muller francesa en 1831, tendo fillos dos dous matrimonios.[3] Eagle Woman adoptou o xeito de vida dos colonos durante o tempo que viviu en Fort Pierre. Porén, xa que Picotte adoitaba marchar durante longos períodos de tempo, ela acabou por volver coa tribo. Tamén tivo dúas fillas con Picotte, quen en 1848 marchou vivir coa súa muller branca a St. Louis.[2][6]
Diplomacia
En 1850, Eagle Woman casou de novo co protexido de Picotte na compañía, Charles Galpin, co que tivo dúas fillas máis e tres fillos[d] que recibiron unha educación europea.[8]
Eagle Woman "adoitaba alzar a voz contra a crueldade de calquera tipo, xa fose cometida por brancos ou por indios"[5]:60 e atopou moitas oportunidades de facelo ao longo da súa vida.[5]:60–62
A pesar de que as tensións aumentaron en 1854, a parella estabeleceu operacións comerciais exitosas nunha economía afundida trala guerra civil estadounidense e resolveu múltiples conflitos entre os colonos e as tribos da zona. Aínda que ambos os dous actuaron como intérpretes nalgunhas ocasións, gran parte do mantemento da paz baseábase no seu prestixio e reputación.[2][6]
Dende 1860 a familia viviu durante un tempo en Fort Benton, Montana, xa que Galpin gañara un posto na empresa LaBarge, Harkness & Company. Un fillo de Eagle Woman chamado William morreu alí o 26 de agosto.[3][9]:162–3 Daquela, a familia viaxou río abaixo para chegar ao seu fogar ancestral e soterrar a William. Polo camiño, chegaron a aceptar levar a 10 mineiros até Fort Randall[3] e tamén foron rodeados por un grupo de síux Santee que viñan de liderar o masacre de Salough.[6] Porén, un dos guerreiros recoñeceu a Eagle Woman e deixounos pasar despois de ela dicirlles que levaba agasallos para o asentamento local e que transportaban o corpo dun dos seus fillos para soterralo.[10] Os Galpin negociaron a liberación dalgúns prisioneiros dos Santee ao chegar a Fort LaFramboise e tamén se enviou unha partida de rescate para traer de volta a dúas mulleres e catro nenos.[3][6][10][e]
En 1865, protexeu a un soldado branco ferido co seu mantón, despois de que fose emboscado e lle disparasen tres frechas.[f][g] En 1866, comezou a viaxar soa para negociar a paz e falou en varios consellos síux ao longo do río Little Missouri.[6]
O padre Pierre-Jean De Smet, a quen ordenaron que lle pedise a Touro Sentado que marchase coa súa xente a unha reserva,[6][h] buscou a Eagle Woman en 1868, posto que "nacera entre os síux e tiña unha relación próxima con varios líderes de guerra, [exercendo] unha grande influencia entre o seu pobo".[3]:18 Os Galpin e De Smet viaxaron cun grupo de síux até o campamento de Touro Sentado. Posteriormente, Eagle Woman dixo que tivo que convencer o pobo de Touro Sentado para que non matasen a De Smet, após que a súa chegada fose recibida con guerreiros hostís.[6][i] Aínda que o líder do campamento non aceptou a petición de De Smet, enviou a outros líderes que marcharon para asinar o segundo tratado de Fort Laramie en 1868. Este tratado estabeleceu a Gran Reserva Síux e a familia de Eagle Woman trasladouse coas tribos ás novas terras, montando un novo posto comercial en Grand River. Polo seu traballo nas negociacións exitosas, Galpin foi ascendido a intérprete da axencia cun salario de 150$ mensuais.[5]:65
Unha vez acadada a paz, Eagle Woman atopou o novo propósito de axudar á súa xente a adaptarse ás novas condicións de vida, aínda que de xeito temporal.[6]
Vida na reserva
O traslado á reserva fixo que Galpin deixase o seu anterior emprego e se convertese en comerciante independente, para o que tivo que conseguir máis subministracións. Por este motivo, a familia viaxou a St. Louis, onde tamén trouxeron de volta a súa filla Lulu que asistía a clases alí. En St. Louis De Smet presentoulle a Eagle Woman a William Tecumseh Sherman, quen daquela estaba liderando a Comisión para a Paz India. Xa conseguiran asinar o tratado cos síux e estaban tentando levalo a cabo.[7]
Na reserva, Eagle Woman montou un posto comercial e fíxose coñecida pola súa xenerosidade e dedicación a prol da independencia das tribos.[2] Involucrou a toda a familia para conseguilo. Xa que o goberno obrigaba os síux a cultivar en terras áridas e a levar un tipo de vida que lles era alleo e desconcertante, os Galpin distribuían bens de balde para os máis necesitados.[6][7][13]
Continuou co seu activismo pola paz resolvendo conflitos por ela mesma e tamén rexeitando comerciar con armas de fogo e munición.[6] Como resultado dunha disputa na que houbo un home ferido por matar unha vaca pertencente á axencia india, unha multitude enfurecida de arredor de 5 000 persoas reuniuse na oficina da axencia, ameazando os brancos que estaban nela.[j] Eagle Woman foise reunir coa multitude ao amencer e avergoñou os alí reunidos dicíndolles que non eran "valentes dabondo para vir aquí a matar a media ducia de homes brancos!"[7]:6 Contactou co representante militar da reserva e proveuno de subministracións para "unha festa de reconciliación".[7] Tamén deu agasallos para aqueles que sabía que estaban máis acougados.[7]
Un dos homes que Eagle Woman salvou aquel día era probabelmente o tenente William Harmon, quen despois casou coa súa filla Lulu.[7] Após darlles a súa beizón a Harmon e a Lulu, Eagle Woman viaxou coa súa filla até Chicago para conseguir un vestido de voda.[7] Porén, antes de que se puidese celebrar a cerimonia, Charles Galpin enfermou e morreu o 30 de novembro de 1869.[k] Este feito deixou a Eagle Woman e os seus fillos ao cargo do posto comercial, o que a converteu na primeira muller de negocios de orixe síux do territorio. Continou coa súa xenerosidade como fixera anteriormente.[4][6] Lulu e Harmon casaron o 26 de xullo de 1870 en Sioux City, Iowa. O padriño de Lulu foi De Smet, quen a levou até o altar na cerimonia.[7]
A viaxe tiña a finalidade aparente de falar do Tratado de Fort Laramie, pero en realidade era para "impresionar os síux co poder, o tamaño e os logros da sociedade branca".[6] Para conseguilo, a delegación pasou a meirande parte das dúas semanas de viaxe facendo unha ruta polo arsenal e polos estaleiros da capital. Tamén coñeceron a Columbus Delano, daquela secretario do interior, así como o presidenteUlysses S. Grant.[7] Saltaron unha xira planificada por Boston e despois dun paseo en barco por Manhattan regresaron á casa a finais de outubro.[7]
Disputas comerciais
En 1873, a axencia de Grand River foi trasladada a Standing Rock por inundacións e Eagle Woman estabeleceu o seu novo posto comercial alí.[5]:66 Ao ano seguinte, o goberno revocou a permiso[l] dos comerciantes de todo o territorio da reserva síux para comerciar, instaurando un monopolio de Orvil L. Grant, irmán do presidente Grant.[7] Isto afectáballe tamén ao permiso que utilizaba o xenro de Eagle Woman para comerciar. Unha vez estabelecido, Grant e os seus socios comerciais "artellaron todo tipo de artimañas para botar a Eagle Woman fóra do negocio,"[7]:13 pero ela resultou ser "absolutamente imbatíbel".[7]:13
Sospeitando que a tenda de Eagle Woman servía de escaparate para os produtos de Harmon (de feito, Harmon vendera os seus excedentes a Eagle Woman despois de que o botaran do negocio), o comisario local buscou poñer fin á súa tenda, pero un levantamento local pola morte de dous soldados brancos impediuno. A propia Eagle Woman axudou a mediar nesta disputa que atrasou a persecución da súa propia tenda e Harmon escribiu no seu nome ao congresista John T. Averill.[7]
Posteriormente recibiu novas presións para pechar o seu negocio. O axente local indio informou de que lle ordenara cumprir as ordes, pero "négase a obedecer polo feito de que ela é india e ten dereito a comerciar coa súa xente para sacar adiante a súa familia."[7]:14 O axente foi substituído por non cumprir co seu cometido, pero Eagle Woman ignorou tamén as ordes do seu substituto. Cando o comandante de Fort Yates lle mandou pechar a tenda, ela negouse. O mariscal local do goberno tamén ordenou confiscar os seus bens, pero sen éxito.[15]:147 En cuestión de meses a asociación política de Washington que conspirou para arruinala e favorecer a Grant e os seus socios, comezou a esborrallarse e finalmente abandonaron a campaña contra Eagle Woman.[15]:147
En 1876, Eagle Woman converteu o axente indio en aliado e coordinou con el o estabelecemento da primeira escola católica da zona, con libros e materias subministrados para os estudantes. Mesmo se contratou a súa filla Louise como ensinante.[7][16]
Febre do ouro de Black Hills
A febre do ouro de Black Hills comezou en 1874 tan pronto como se espallou a noticia de que se atopara ouro nas terras propiedade dos síux, entre as que se incluían a rexión de Black Hills, de acordo cos termos asinados no Tratado de Laramie había seis anos. Isto orixinou numerosas violacións do tratado por milleiros de mineiros que chegaron á zona e tamén aumentaron os conflitos violentos.[2][6][m]
Durante este período, Eagle Woman continuou mediando e ofrecendo apoio material á súa xente.[2][6] Nunha conferencia en 1875, liderou a delegación de Grand River, cuxos membros estaban desarmados na súa maioría. Ela, xunto cos líderes Hunkpapa e milleiros de guerreiros lakota, entre os que se atopaban Red Cloud e Spotted Tail, encontráronse cos comisionarios indios apoiados por unha cabalaría de cen homes. A reunión non logrou nada e as negociacións acabaron ao bordo da violencia, que Eagle Woman axudou a mediar e evitar.[15]:148–9
Tralo encontro, Eagle Woman foi recoñecida como xefa entre o seu pobo "polo seu heroísmo salvando as vidas da comisión de Black Hills".[7][18][4] A historiadora lakota LaDonna Brave Bull Allard certifícaa como a "única muller xefa dos síux".[4]
Cando en 1876 deu comezo a gran guerra síux pola violación continuada da propiedade dos síux en Black Hills, Eagle Woman non participou nas negociacións que se sucederon tralo intento infrutuoso do ano anterior.[15]:148–9 Non deu o seu apoio ás políticas de "vende ou morre de fame" nin a Acta de 1877, pola que se suprimían todas as racións do goberno aos síux até que cedesen pacificamente a zona de Black Hills. Esta artimaña forzou a firma dos tratados en outubro, o que levou a crear a reserva india de Standing Rock.[2][15]:149 Trala perda, volveu retomar o seu labor de asistencia para axudar ás tribos a adaptarse á vida na nova reserva.[15]:149
Aínda que Eagle Woman se opuxo a creación da reserva e non asinou o tratado de 1876, asinou o tratado de 1882 que cedía certos terreos para escolas, modificaba os límites da reserva e cambiaba os funcionarios do goberno e as racións que percibían.[19] O seu consentimento quedou rexistrado na axencia de Standing Rock o 30 de novembro de 1882 como "Matilda Galpin, her x mark. Seal", sendo a única muller entre os líderes síux, e converténdoa na primeira muller en asinar un tratado cos Estados Unidos de América.[4][n][7]:21
Últimos anos e pasamento
Eagle Woman viviu os seus últimos anos de vida na reserva india de Standing Rock arrodeada de amigos, das súas fillas e dos seus netos.[5]:69 Chegou a coñecer a Touro Sentado, con quen coincidiu por un curto período de tempo en 1881 trala súa rendición, durante un alto en Fort Yates de camiño ao seu internamento como prisioneiro de guerra en Fort Randall. Eagle Woman escribiulle ao seu fillastro Charles Picotte para que o coidase.[5]:69
Quéroche presentar o valente Touro Sentado. Dende que Touro Sentado estivo nesta axencia, agromaron entre nós sentimentos de amabilidade e boas relacións. Coido que permanecerá acougado e fará que os seus seguidores tamén o estean e obedezan as autoridades. O seu futuro dependerá da súa conduta durante os vindeiros seis meses. Prégoche que isto che dea unha boa impresión. A túa nai afectuosa Eagle Woman
A súa filla Alma continuou co seu labor de entendemento e xenerosidade entre os nativos americanos e a sociedade branca durante o resto da súa vida, polo que un milleiro de persoas acudiu ao seu funeral.[14]
Legado
Eagle Woman foi incluída en 2010 no Muro da Fama de Dacota do Sur como Campioa de Excelencia polos seus "intentos de compromiso pacífico" entre as sociedades nativo americana e branca".[6]
↑As fontes difiren no número de fillos que tivo Eagle Woman. A Encyclopedia Britannica recolle que tivo catro fillas e tres fillos, Samuel, Robert e Richard.[2] Gray indica que tivo catro fillos e catro fillas, que ningún dos seus fillos varóns sobreviviu, pero as súas "catro fillas continuaron o bo labor da súa nai".[3] Gray tamén recolle que o último fillo de Eagle Woman, Sammy, morreu de tuberculose en 1872 con 22 anos.[7]
↑De acordo cunha fonte de 1922, "érguese no lugar do campamento de White Lodge, unha machada para conmemorar a liberación dos prisioneiros e na honra a Eagle Woman". Porén, outras fontes que tratan os feitos non mencionan este detalle.[3]
↑Dise que lle dixo aos atacantes, "este home perténceme agora! Non podedes tocalo!". Tras isto, os atacantes acabaron por retirarse cando chegaron os soldados do forte local[6]
↑O soldado morreu días despois e un dos homes que o atacou, Circling Bear, "díxolle a Eagle Woman que se soubese que era ela quen protexía o home, mataríaa a ela tamén."[5]:62
↑Non obstante, De Smet e Charles nunca declararon sentirse ameazados.[12]
↑Esta historia contoulla Eagle Woman ao historiador Frances C. Holley, de Bismarck, Dacota do Norte.[7]
↑Joseph H. Taylor, un trampeiro que chegou á rexión en 1869, contou que a morte "aconteceu de súpeto, pero o médico que exercía na axencia e tratou a Charles Galpin determinou que se debeu por causas naturais.[7]
↑A autorización para comerciar con persoal militar.
↑Polo menos unha fonte, o The Bismarck Tribune recolle que Eagle Woman foi a "primeira persoa recoñecida que atopou ouro en Black Hills" cando de nena "se decatou de que había algo brillante na auga", pero gardou o descubrimento en segredo por consello de persoas como De Smet, que lle dixo que "os brancos quererán esta terra" se revelaba o seu achado.[17] Porén, Gray[3][7][6][12][15]:152 indica que non aparece ningunha mención a este feito nos seus rexistros. Por este motivo non está claro até que punto se pode confiar nas afirmacións de The Bismarck Tribune.
↑O tratado quedou invalidado posteriormente porque non acadou o mínimo de 3/4 dos homes adultos das tribos.[20]
↑ 4,04,14,24,34,4Brave Bull Allard, Ladonna. "Eagle Woman". american-tribes.com. Consultado o 24 de maio 2020. Matilda Picotte Galpin, tamén coñecida como Eagle Woman, foi a única muller xefa dos síux.