Dólar de prata dos prisioneiros de guerra estadounidenses
|
|
A/: Aguia en voo, cunha cadea rota nunha pouta. Arame de espiño rodeando o deseño. Data e marcas de gravador.
Lendas: LIBERTY / FREEDOM / IN GOD WE TRUST
|
R/: Edificio do Museo Nacional dos Prisioneiros de Guerra. Marcas de ceca e de gravador.
Lenda: E PLURIBUS UNUM - UNITED STATES OF AMERICA / ONE DOLLAR / NATIONAL PRISONER of WAR MUSEUM
|
|
O dólar de prata dos prisioneiros de guerra estadounidenses é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1994 e cuñada polas Cecas de Filadelfia e de West Point.
Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 103-186, do 14 de decembro de 1993,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda conmemorativa na honra dos prisioneiros de guerra estadounidenses.[2]
Esta moeda está integrada nun programa de emisións para 2004 dedicado aos veteranos de guerra que integra tamén o dólar de prata da muller no servizo militar dos EEUU e o dólar de prata conmemorativo dos veteranos de Vietnam.[1][3]
Deseño
No anverso da moeda, deseñado polo empregado do Departamento de Auntos dos Veteranos Tom Nielsen, reprodúcese unha aguia en voo que ten unha cadea rota na súa pouta esquerda. O deseño está rodeado por un arame de espiños e como única lenda amosa as palabras LIBERTY e FREEDOM ("liberdade"), ademais do habitual lema IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos"), das moedas estadounidenses.[2][4]
Pola súa banda, o reverso, obra de Edgar Z. Steever, reproduce unha vista esterior do edificio do Museo Nacional dos Prisioneiros de Guerra de Andersonville, Xeorxia.[2][4]
Produción e comercialización
A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 500.000 de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa de Moeda de West Point, onde se cuñaron as pezas estándar, e na Casa da Moeda de Filadelfia, que cuñou as moedas con acabamento especial (proof)[4] e estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación desde o 29 de xullo de 2004.[2]
A súa produción foi de 54.893 moedas na súa condición estándar e 224.449 en versión con acabamento proof, o que fai un total de 279.342 exemplares, pouco máis da metade da tiraxe total autorizada.[4][3]
A moeda comercializouse aos prezos de 32 dólares en condición estándar e 35 en versión proof,[4] e o beneficio conseguido coa súa venda destinouse ao establecemento e ao mantemento do Museo dos Prisioneiros de Guerra de Andersonville, en Xeorxia; as cantidades excedentes foron para a Secretaría de Asuntos dos Veteranos, destinadas ao mantemento dos cimeterios nacionais.[2]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Public Law 103-186 - DEC. 14, 1993. TITLE II". Govinfo.gov
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "American Prisoners of War Silver Dollar". United States Mint.
- ↑ 3,0 3,1 "Historical Commemorative Coin Sales Figures: 1994 Veterans Program". United States Mint.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "1 Dollar National Prisoner of War Museum". Numista.com
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas