O Día Internacional da Lingua Materna celébrase anualmente o 21 de febreiro para promover a consciencia sobre a diversidade lingüística e cultural e sobre o plurilingüismo do planeta. Foi establecido pola UNESCO o 17 de novembro de 1999. A súa celebración tamén foi recoñecida formalmente pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na resolución que establecía 2008 como Ano Internacional das Linguas.[1]
O 21 de marzo de 1948, Mohammed Ali Jinnah, gobernador xeral de Paquistán, declarou o urdú única lingua oficial tanto de Paquistán Oriental como de Paquistán Occidental. Paquistán Oriental tiña a maioría de habitantes do estado[2] e o urdú só era falado polo 7'05% da poboación de Paquistán Occidental[3]. Ao mesmo tempo, o bengalí era a lingua materna da maioría dos habitantes de Paquistán Oriental [4] (actual Bangladesh), polo que estes protestaron contra a declaración do urdú como lingua oficial. O 21 de febreiro de 1952 (o 8 do mes de falgun de 1358 no calendario bengalí) estudantes da actual capital, Dacca, convocaron unha folga provincial e o goberno declarou un toque de recollida para evitala. Para evitar enfrontamentos e non violar o toque de recollida, as protestas fóronse suavizando. Non obstante, malia as manifestacións seren pacíficas, a policía paquistaní abriu fogo contra os estudantes e morreron varias persoas.
Temas anuais
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente.
A celebración do Día Internacional da Lingua Materna adoita ter un tema, que se indica no programa formal do día nas oficinas centrais da UNESCO ou de xeito máis explícito na publicidade.[5]
2000: Celebración inaugural do Día da Lingua Materna
2001: Segunda celebración anual
2002: Diversidade lingüística: 3000 linguas en perigo. O lema foi: In the galaxy of languages, every word is a star ("Na galaxia das linguas, cada palabra é unha estrela")
2003: Cuarta celebración anual
2004: Aprendizaxe infantil (a celebración na UNESCO incluíu, segundo a propia UNESCO, "unha exposición única de cadernos de exercicios infantís de todo o mundo, para ilustrar o proceso polo que os nenos aprenden e dominan as habilidades de lectoescritura na clase"[6])
2011: As tecnoloxías da información e da comunicación a prol da conservación e promoción das linguas e da diversidade lingüística.[7]
2012: Ensino da lingua materna e educación inclusiva[8]
Celebración no mundo
O premio Linguapax preséntase todos os anos no Día Internacional da Lingua Materna.
A UNESCO establece o tema de cada Día Internacional da Lingua Materna e organiza eventos relacionados con el nas súas oficinas centrais de París arredor do día 21 de febreiro de cada ano.