A Federación Galega de Institucións para a síndrome de Down, máis coñecida como Down Galicia, é unha organización sen ánimo de lucro, que agrupa ás entidades específicas para a síndrome de Down de Galicia. Foi constituída no ano 1998 para canalizar as demandas deste colectivo no ámbito galego e achegar solucións que contribuísen a normalizar a súa situación na sociedade dunha forma inclusiva[1].
Segundo os seus estatutos[2], Down Galicia ten como obxectivo conseguir que as persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual alcancen a máxima capacidade posible para levar unha vida autónoma, tomar as súas propias decisións e formar parte da sociedade dunha forma visible e inclusiva.
Down Galicia pertence á Federación Española de Institucións para a síndrome de Down (Down España) e forma parte do Comité de Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI-Galicia) e da Rede Galega de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN-Galicia). A Federación foi declarada de Utilidade Pública pola Orde INT/2958/2006, do 12 de setembro (BOE nº 232 do 28 de setembro de 2006) [3].
Áreas de actuación
Down Galicia desenvolve o seu labor a través do chamado Servizo de Promoción da Autonomía Persoal (SEPAP)[4], organizado en seis áreas de atención, que abrangue todo o período evolutivo das persoas.
- Área de atención temperá
- Área de educación
- Área de formación e emprego
- Área de vida adulta e independente
- Área complementaria
- Área transversal
Entidades membro
Down Galicia agrupa actualmente sete entidades locais, situadas todas elas en Galicia[5]:
- Down Vigo
- Down Pontevedra “Xuntos”
- “Teima” Down Ferrol
- Down Lugo
- Down Compostela
- Down Coruña
- Down Ourense
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas