San Román de Doniños[1] é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Ferrol. Segundo o INE no ano 2018 tiña 803 habitantes (394 homes e 409 mulleres), distribuídos en 10 entidades de poboación.
Arrodeada por manchas boscosas de ribeira, destaca na súa vexetación a presenza de plantas acuáticas nas beiras da lagoa, como a ranunculus aquatilis, a potamogeton natans ou a nimphaea alba. A eleocharis acicularis e a litorella uniflora pódense atopar nas áreas encharcadas. As aves tamén abondan, coa presenza de exemplares de galiñolas, mergullóns, lavancos e cercetas.
A praia de Doniños é rectilínea, de area branca e fina, ventosa e con forte ondaxe sita nun contorno rural. Ten dúas zonas diferenciadas: Punta Penencia (pouco masificada) e Outeiro (máis ocupada). Trátase do principal centro de atracción na cidade de Ferrol para a práctica do surf, xunto con areais como Pantín, xa no concello de Valdoviño.
Dotada de Bandeira Azul, trátase dunha praia aberta, cunha lonxitude de 1,7 quilómetros. A súa ocupación é alta na tempada estival. É o areal máis próximo ao casco urbano de Ferrol (6 quilómetros).
Historia e patrimonio
A Punta do Castro (Castro de Lobadiz) son uns restos dun poboamento castrexo prerromano situado no límite norte do areal, no que se atoparon xoias e atributos de dignidade celtas, ademais dos restos dun castelo e as instalacións dunha batería de artillaría de costa, servida pola Armada.
O 25 de agosto de 1800 tivo lugar a batalla de Brión. Unha dotación da Armada Inglesa composta por navíos de guerra e infantaría tentou ocupar a cidade de Ferrol, desembarcando na praia de Doniños. Porén, as tropas do almirante Warren tiveron problemas coa resaca do mar, sendo as chalupas pasto dos canóns ferroláns. Contan as crónicas que "o camiño estaba ben defendido e o paso pola lagoa de Doniños era impracticable", polo que "a praia de Doniños contribuíu á derrota inglesa".
As Festas patronais son os días 9 e 10 de agosto.
Lugares e parroquias
Lugares de Doniños
Lugares da parroquia de Doniños no concello de Ferrol