As Dominicanas de Santa Catarina de Siena son un instituto relixioso de dereito pontificio feminino con sede en Mosul (Iraq).[1]
Historia
As orixes da congregación remóntanse ao orfanato feminino aberto en Mosul en 1876 e dirixido polas Irmás Dominicanas da Caridade da Presentación da Santa Virxe: algunhas rapazas formadas no instituto comezaron unha fraternidade de vida común baixo o goberno da terceira orde secular de San Domingos; seguindo as indicacións dos dominicanos da misión de Mosul e das monxas, as mulleres acudían ás aldeas para dar clases, ensinar o catecismo, e colaborar nas obras parroquiais.[2]
Como laicas, as mulleres da fraternidade non tiñan hábito relixioso e non pronunciaban votos. En 1896 pensouse en transformar a comunidade nunha congregación, pero as dificultades eran numerosas: as terciarias, por exemplo, pertencían a varios ritos (caldeo, siríaco occidental, e armenio) e dependían de varios patriarcados. Posteriormente, o estalido da primeira guerra mundial obrigou aos dominicanos a abandonar a misión de Mosul.[2]
En 1927, coa axuda do delegado apostólico e dos misioneiros lazaristas, retomouse o proceso de transformación da fraternidade en congregación: as terciarias foron encomendadas a unha dominicana da congregación de Nosa Señora das Grazas de Châtillon, quen exerceu como mestra de novizas e despois como superiora xeral.[2]
A congregación, afiliada á Orde de Predicadores desde o 7 de marzo de 1927, recibiu o pontificio decreto de eloxio o 30 de abril de 1928 e as súas constitucións foron aprobadas definitivamente o 1 de xuño de 1935.[2]
Historia recente
A comunidade, como o resto de minorías relixiosas da rexión, ten sido obxecto de ataques terroristas islámicos. En 2009 estoupou unha bomba no seu convento de Mosul, sen causar vítimas.[3][4]
Actividades e difusión
O propósito da congregación é o traballo ecuménico entre os cristiáns da Igrexa asiria de Oriente e da Igrexa ortodoxa siríaca; as monxas dedícanse principalmente á educación académica e cristiá da mocidade.[2] A sede central está en Mosul.[1] A finais de 2011 a congregación contaba con 137 relixiosas en 26 casas.[1]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 Annuario pontificio per l'anno 2013. Libreria Editrice Vaticana. 2013. p. 1672. ISBN 9788820990701.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Guedj, Myriam (1976). Dizionario degli Istituti di Perfezione III.
- ↑ "Mosul: attentati contro edifici cristiani, rasa al suolo la chiesa di Sant’Efrem". AsiaNews.it (en italiano). 26 de novembro de 2009. Consultado o 05/11/2024.
Compiuto il primo raid, gli attentatori si sono diretti verso la Casa madre delle suore domenicane di Santa Caterina. L’esplosione alle 10.30, mezz’ora dopo l’attentato alla chiesa. Al momento non si hanno maggiori dettagli sui danni riportati dall’edificio, né se vi siano dei feriti fra le religiose.
- ↑ Eid, Camille (27 de novembro de 2009). "Iraq, torna il terrore tra i cristiani A Mosul una chiesa rasa al suolo". Avvenire.it (en italiano). Consultado o 05/11/2024.
Due diversi ordigni hanno colpito la chiesa di Sant’Efrem e la Casa Madre delle suore domenicane di Santa Caterina. Non si hanno notizie di vittime, ma la chiesa è andata completamente distrutta, mentre il convento delle suore ha riportato danni
Véxase tamén
Bibliografía