Filla única da familia Aleu e Riera, comezou os estudos de Medicina na Facultade de Medicina da Universidade de Barcelona, en setembro de 1874[4], finalizándoos en 1879. Non puido facer o exame de licenciatura ata tres anos despois, cando lle concederon o permiso para presentarse, o 4 de abril de 1882, examinándose o 19 de xuño dese mesmo ano e obtendo o aprobado con nota de excelente.
Doutorouse en Madrid o 8 de outubro de 1882, catro días despois de que o fixera Martina Castells Ballespí (1852-1884). Titulou a súa tese de doutoramento como "De la necesidad de encaminar por nueva senda la educación higiénico-moral de la mujer". [2]Posteriormente se especializou en Xinecoloxía e Pediatría.
Dolors Aleu foi a única que exerceu a súa profesión das tres primeiras mulleres que estudaron medicina en España, e as tres catalás. Tivo consulta aberta en Barcelona durante 25 anos. Non foi así con Martina Castells, que morreu antes de poder exercer, nin con Elena Maseras (1853-1905), que se dedicou ó ensino.
Durante o seu exercicio profesional foi tamén profesora de hixiene doméstica na Academia para a Ilustración da Muller, en Barcelona.
Tamén escribiu algúns textos de carácter divulgativo, dirixidos a mellorar a calidade de vida das mulleres, especialmente no eido da maternidade, como "Consellos a unha nai sobre o réxime, limpeza, vestidos, sono, exercicio e entretemento dos meniños". Nos seus escritos criticaba, entre outros aspectos, as obrigas que as normas morais e estéticas da época impoñían ás mulleres sobre a forma de vestir: "A peza de roupa que máis dano causa no corpo da muller é o corsé. Lévase moi apertado, para aumentar a delgadez do corpo. ¡Como se o delgado fose equivalente do fermoso!". Recollía tamén a confesión dalgunha das súas pacientes, que levaban anos enfermas sen acudir ó médico, de que deixarían pasar máis anos se non tivesen ocasión de consultarse cunha muller.
Casou en 1883 con Camilo Cuyás Martí, axente de bolsa barcelonés, e tivo dous fillos, Juan e Camilo.
Morreu o 18 de febreiro de 1913, á idade de 56 anos.